ConcellosQuirogaÚltima hora

Últimos retoques nas novas instalacións do Centro de Atención Temperá de Quiroga

O alcalde de Quiroga e a concelleira de Servizos Sociais, visitando as instalacións que albergarán ao Centro de Atención Temperá./ Foto: Concello de Quiroga.

 

Danse os últimos retoques da segunda planta do edificio multiusos da Ribeira que acollerá a Unidade de Atención Temperá de Quiroga. Nestes momentos trabállase en pequenos remates de carpintería e na montaxe do mobiliario. O rexedor local, Julio Álvarez, e a concelleira de Servizos Sociais, Loli Sánchez, que acudiron a visitar as obras financiadas pola Xunta de Galicia e a Deputación Provincial, calculan que estean rematadas nuns días e que o persoal do Centro de Atención Temperá poida atender aos seus usuarios nestas novas instalacións antes de que remate este mes de novembro.

A Unidade de Atención Temperá nestes momentos da servizo aos concellos de Quiroga, Ribas de Sil, Folgoso do Courel, Bóveda, O Saviñao e Sober, e estase pendente de asinar o convenio con outros dous concellos da zona sur: A Pobra do Brollón e Pantón.

Este servizo, posto en marcha polo Concello de Quiroga con achegas económicas da Xunta de Galicia, serve para identificar, previr e actuar sobre os trastornos no desenvolvemento que poidan sufrir os nenos e nenas de 0 a 6 anos de idade. Nestes momentos atende a preto de medio cento de rapaces.

A unidade, que mentres non pode utilizar as novas instalacións atende nas instalacións do Centro Social de Quiroga, conta cun equipo formado por tres profesionais: un psicólogo, un logopeda, e un fisioterapeuta; especializados en desenvolvemento infantil e atención temperá e vai reforzar o seu cadro de persoal cun profesional máis en cada unha destas especialidades.

A atención neste servizo (ao que poden acudir os nenos sen que teñan problemas definidos, se non para axudarlles a un desenvolvemento evolutivo adecuado) faise principalmente a través do servizo de pediatría, que fai o diagnóstico previo, en función do cal derivará á familia á unidade de atención temperá máis axeitada para o caso. Tamén os centros educativos ou as propias familias poden poñerse directamente en contacto con este servizo para que os informen de cal é o proceso a seguir.

Artigos relacionados

Back to top button