Concellos

Un acto con marca rexistrada

O parque municipal de O Carballiño acollerá, o 11 de agosto, a LI Festa do Pulpo que inclúe diferentes actividades

FestadopulpopresentacionVigo

O pulpo, forma parte importante da oferta gastronómica deste municipio ourensán, debido a que malia ser un produto mariño, acada nesta zona, máis concretamente na parroquia de Santa María de Arcos, o máis alto na súa modalidade “á feira”.

Para explicar como este produto de mar, chegou a introducirse ata límites insospeitados no interior de Galicia, debemos remontarnos ata os documentos máis antigos que relacionan a O Carballiño con esta tradición pulpeira, que datan do século XVII e atópanse en Marín. Esta localidade pontevedresa foi priorato de Oseira durante varios séculos, e os frailes circenses chegarían incluso a posuír unha potente flota pesqueira.

Daquela, en compensación polos dereitos de foro, Marín estaba obrigada a entregarlle aos frailes unha determinada cantidade que se materializaba en especias, basicamente cordeiros, galiñas e produtos de mar entre os que se atopaba o pulpo, moi abundante en toda a ría de Pontevedra. Trátase dunha especie que pervive moito tempo dado que pode ser secado, sen que por iso perda as súas cualidades culinarias.

Polas inxentes cantidades deste cefalópodo entregadas para aquela época, pode deducirse que foron os frailes de Oseira quenes iniciaron a comercialización deste produto en terras carballinesas, posto que precisamente aparece o nome de Santa María de Arcos nestes documentos.

Corrobora ademais esta teoría, a constatación de que a práctica totalidade das familias desta parroquia do concello de O Carballiño, adícanse dende antigo a este oficio. Co tempo, pulpeiras e pulpeiros de Arcos foron incrementeando a súa presenza en feiras afastadas da comarca ata chegar a popularizar o seu arte por toda Galicia e de feito hoxendía hainos en practicamente tódolos concellos galegos. Con todo a fama dos pulpeiros de O Carballiño traspasa as fronteiras galegas e incluso españolas, posto que a miúdo son convidados polos centros galegos repartidos por todo o mundo para cocer este popular manxar, aproveitando a celebración dalgunha festa.

Deste xeito, o pulpo de O Carballiño deu orixe a unha das festas gastronómicas máis multitudinarias e características de Galicia: a Festa do Pulpo que se celebra no parque municipal da vila e goza de gran popularidade sendo considerada de Interese turístico dende 1969. Este ano celébrase a á LI edición o domingo 11 de agosto.
Comezou sendo unha actividade máis dentro do programa das festas patronais de San Cibrao, por iniciativa dun grupo de amigos, pero pronto adquiriu identidade propia e fama en toda Galicia. Contribuíron a iso as campañas de difusión realizadas polo Concello, que actualmente se encarga da organización, pero tamén os emigrantes que a teñen como referencia e punto de encontro durante as vacacións estivais. Por algo, dende os anos oitenta cada celebración estivo adicada a unha cidade ou país de América e Europa con centros galegos de relevancia. A edición deste ano está adicada á cidade de Vigo e aos seus veciños xa que segundo o alcalde Argimiro Marnotes “moitos vigueses deixaron unha gran pegada en O Carballiño cando, hai décadas, acudían á nosa vila a pasar os seus veraneos” (a LI edición da festa era presentada na cidade olívica a mediados de xullo).

Texto: Mónica G. Bellver Foto: Carlos G. Hervella
(Máis información na edición en papel do Periódico O Sil).

Artigos relacionados

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Back to top button