ConcellosGalerías de fotosÚltima hora

Un alumno do colexio da Veiga, galardoado nos V Premios “Estatuto de Autonomía de Galicia”

Presentáronse 213 traballos nas seccións de debuxo e redacción escolar

Un total de 213 traballos de debuxo e redacción escolar, participaron na V edición dos Premios “Estatuto de Autonomía de Galicia”, organizado pola Deputación de Ourense, “para conmemorar o aniversario da norma institucional básica galega, que regula a nosa convivencia e que tanto nos deu e nos dará no futuro”, dixo o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, no acto de entrega dos galardóns, celebrado no Centro Cultural “Marcos Valcárcel” na mañá do 6 de abril.

Baixo o lema “Un territorio coas súas formas tradicionais de convivencia e asentamento”, nesta edición foron premiados 32 alumnos dos colexios: Padre Feijoo-Zorelle, O Pino, Miraflores, Castrelo de Miño, Eduardo Ávila Bustillo da Veiga, San José-Josefinas, Sandiás, Divino Maestro-Franciscanas, Sagrado Corazón do Carballiño e Carmelitas-Vedruna.

Dos traballos presentados, 147 corresponden á modalidade de debuxo ou traballo artístico, de alumnos de Educación Infantil, Primaria e Educación Especial; e 66, á modalidade de redacción, de alumnos de ESO, Bacharelato e ciclo medio de Formación Profesional. En canto aos premios, na modalidade de debuxo seleccionáronse as 12 mellores obras, que recibiron un diploma e un lote de libros, e na modalidade de redacción resultaron galardoados 20 traballos, premiados cun diploma, un lote de libros e unha viaxe a Santiago de Compostela para visitar o Parlamento de Galicia e realizar outras actividades culturais.

No acto, no que tamén participaron o subdelegado do Goberno en Ourense Roberto Castro, a delegada da Xunta en Ourense Marisol Díaz, e o deputado e alcalde da Veiga Juan Anta, o presidente do goberno provincial agradeceu a participación dos estudantes e dos colexios e felicitou aos premiados neste certame “co que ano tras ano poñemos en valor o noso Estatuto de Autonomía para Galicia, honrándoo e conmemorando a aprobación desta norma, que nos deu autonomía”.

O apartado musical correu por conta do coro do colexio Padre Feijoo-Zorelle de Ourense, acompañado instrumentalmente por violín e gaita, que interpretou para abrir a celebración o Himno Oficial da Provincia de Ourense, “Ourense no solpor”, e pechou o acto coa interpretación do Himno Galego.

Fotos: Carlos G. Hervella excepto a última da galería.

Artigos relacionados

Back to top button