OurenseÚltima hora

“Un ano máis temos que agradecer a xenerosidade dos ourensáns”

O CCA Ourense Centro, en colaboración co Banco de Alimentos, realizou unha recollida masiva de alimentos en solidariedade cos máis necesitados

 

Na tarde de onte, día 28 de decembro, o Centro Comercial Aberto Ourense Centro en colaboración co Banco de Alimentos de Ourense realizou unha recollida masiva de produtos de alimentación para mostrar a súa solidariedade cos máis necesitados.

A recollida tiña lugar na rúa do Paseo de Ourense e contou coa participación da presidenta da CEO, María Sol Novoa Rodríguez; do presidente do Banco de Alimentos de Ourense, Cecilio Santalices; da presidenta da Federación de Comercio, Beatriz Gómez; do xerente da Asociación de Comerciantes da Praza de Abastos, Alberto González; do presidente da Asociación de Floristas de Ourense, Jesús de Deus; do tesoureiro do Campus Universitario Ourense Rugby, Jesús López Quintáns; e do presidente de Centro Comercial Aberto Ourense Centro, Luís Rivera. Todos fixeron entrega dunha doazón para colaborar con esta causa persoalmente.

O CCA continúa colaborando por oitavo ano consecutivo co Banco de Alimentos de Ourense, nun ano no que moitas familias víronse prexudicadas economicamente polo que é moi importante facer un esforzo especial. “Os comerciantes levamos moito tempo reclamando axudas, pero é o momento de dar un paso á fronte e pensar na xente que o está pasando peor que nós, que hai moita desgraciadamente”, afirmaba Luís Rivera, presidente de Centro Comercial Aberto Ourense Centro.

O presidente do Banco de Alimentos de Ourense, Cecilio Santalices, pola súa banda, valoraba moi positivamente a iniciativa. “Foi a primeira vez que estivemos recollendo alimentos directamente da xente, ao non poder celebrar como outros anos o Rallie Solidario, e puido levarse a cabo seguindo todas as medidas sanitarias.“Estamos moi contentos e satisfeitos de que a cidadanía sempre responda, as institucións, as asociacións empresariais e os empresarios do comercio local, que tamén están a sufrir esta situación e aínda así hoxe demostraron a súa solidariedade. Este ano doamos moitísimo grazas á xenerosidade da xente”, dixo emocionado.

Artigos relacionados

Back to top button