CulturaCulturaÚltima hora

Un avance do documental sobre o Entroido de Laza proxectarase no Festival de Curtas de Verín

O proxecto "Entroidar" aséntase en tres piares fundamentais: os personaxes, os lugares e a propia celebración

 

No marco da axenda de actividades paralelas do FIC Vía XIV de Verín, que se celebrará do 30 de novembro ao 8 de decembro, exhibirase na vila do Támega un avance do documental Entroidar, un proxecto do santiagués Pablo Ces que se asenta en tres piares fundamentais: as personaxes que fan posible o Entroido, os lugares nos que se fai e a propia celebración.

Tal e como salienta o seu director, este documental “busca tumbar mitos” e céntrase moi especificamente no Entroido de Laza. “Neste municipio, o Entroido non só se estende durante cinco días senón que comeza a principios de cada ano, cando os chocos inician o ruxir pola contorna”, di Pablo. O Entroido de Laza son os peliqueiros, pero tamén as formigas, as madamas, os maragatos… “Queremos ver como se transforman as persoas que están detrás das personaxes que se dan no Entroido”, destaca.

O documental, que está en proceso de realización, realiza un seguimento de diferentes referentes desta celebración e afonda nas súas vidas e no que significa o Entroido para eles. A condución da historia no documental está a cargo dun “consello de sabios” que conversan entre sí para esclarecer e narrar o acontecer dos feitos.

Ademais de se presentar un avance do documental, no FIC Vía XIV haberá un debate sobre o mesmo e unha exposición no hall do Auditorio de Verín que levará por título Descubrindo o Entroido de Laza.

Artigos relacionados

Back to top button