Na mañá do pasado venres 12 de xullo Avelino Vidal achegábase á súa horta, situada na zona de “O Vieiro” en Viloira (O Barco). “Púxenme cunha batedeiriña a quitar as herbas do camiño e na parte de arriba ao dar varias veces no chan saíron catrou ou cinco avespas e picáronme. Botei a andar e comecei a marearme”, recorda.
Cerca del estaba un veciño a quen chamou para pedirlle axuda. Rapidamente chegou outra persoa e, entre dous, molláronlle a cabeza con auga. “Seguía mareándome e comecei a suar e suar, o meu corpo parecía o río Sil”. Tratou de contactar co 061, pero non non obtivo resposta, así que finalmente chamou polo seu fillo que estaba traballando e que rapidamente veu para levalo a Urxencias, onde foi tratado polas picaduras.
Dous días despois do suceso, Avelino aínda ten a man inflamada e o niño continúa no lugar, que foi precintado pola Policía Local. Malia que se pediu axuda para poder retiralo e evitar que as velutinas piquen a outras persoas, polo de agora segue alí. Avelino agradece de xeito especial a axuda dun apicultor da zona que “a cambio de nada” se ten movido tratando de buscar solucións.
Dende a Asociación Valdeorresa de Apicultores o seu presidente, Armando Rodríguez, amosa a súa preocupación sobre a problemática da velutina, que vai en aumento en Valdeorras e na veciña zona de Montefurado. Agora, ademais de para os apicultores, comeza xa a ser unha ameaza directa para a poboación en xeral.
“O ano pasado xa foi picada outra persoa que estaba traballando en Vilanuiz pero, que saibamos, esta é a primeira vez que as velutinas pican a alguén en Valdeorras. Tivemos a sorte de que estas dúas persoas non son alérxicas, pero en calquera momento pode volver a darse a situación con niños primarios ou secundarios, que poden estar no chan, e que non haxa tanta sorte”. Por iso pide que se extremen as precaucións e que aconsella que os veciños revisen as súas casas e garaxes e que se teña coidado e se tomen medidas ao desbrozar”.
“Facemos un chamamento para que vixilen e revisen os saíntes dos tellados, as terrazas, os alpendres, garaxes… Que miren nas zonas recollidas e orientadas cara o sur por se localizan algún niño primario”, comenta. Se é así hai que chamar ao 012 para que se proceda á súa retirada
Armando Rodríguez tamén destaca a estensión da praga da velutina de xeito especial na parte de Montefurado (Quiroga, Lugo), “onde xa collimos máis de 200 raíñas”, e despois na cercana Rúa, onde no que vai de verán xa se destruíron cinco niños e outro está pendente de retirar. “O servizo do 012 non funciona nas fins de semana, así que avisaremos novamente o luns a primeira hora para que o destrúan!, sinala Armando Rodríguez, quen indica que a avespa tamén se ten estendido seguindo o cauce do Bibei.
Fotos: Carlos G. Hervella.