ConcellosCulturaCulturaÚltima hora

Un bólido, fotografado no Observatorio da Veiga, iluminaba o ceo galego esta madrugada

Era un meteoro moi brillante, "unha rocha do espazo que chocou coa atmósfera e caeu", explica o experto Óscar Blanco

Imaxe do bólido que podía verse esta madrugada nos ceos galegos./ Foto cedida polo Centro Astronómico de Trevinca (A Veiga).

 

Arredor das 01:20h. desta pasada madrugada varios flashes moi rápidos dunha potente luz branca acendían o ceo en diversas partes de Galicia. Este fenómeno, semellante a un estalido, producíase podía verse dende diferentes puntos da comunidade. Un deles era a comarca de Valdeorras.

Trátase do que os astrónomos denominan un bólido. “Cando un meteoro é moi brillante, denomínase bólido, non é de todo correcto chamarlle meteorito xa que meteorito só se lle pode chamar a aquela rocha que chega ao chan”, explica o experto en astronomía Óscar Blanco, un dos responsables do Centro Astronómico de Trevinca (A Veiga), que precisamente observaba dende este lugar da comarca de Valdeorras este fenómeno.

De feito unha cámara do observatorio captaba imaxes del como a que se reproduce nesta información. “É unha das cámaras que temos apuntando cara o cénit, que colle máis ou menos un 70% da bóveda celeste. Esa luz forte que se ve preto do borde brillante da imaxe é a explosión do bólido na atmósfera. Foron como 3 ou 4 flashes, un deles máis grande”, indica Óscar Blanco.

Aínda que se viu dende moitas zonas de Galicia, este experto considera que resulta complicado “determinar con exactitude en que vertical foi”. Nun principio apuntaba á costa galega, pero agora, unha vez analizado o tema con máis calma, cre que máis ben puido ser “cara o centro-norte de Galicia. Eu apostaría pola zona de Lugo. Haberá que analizar os datos para dar unha posición estimada”, indica.

Preguntado polo son que algunhas persoas escoitaban tras ver a luz, Blanco explica que o meteoro “é unha rocha que chega do espazo e choca coa atmósfera, xerando unha onde de choque que pode producir son igual que un raio produce un trono, pero ten que ser potente para haxa algo de ruído e tes que estar non relativamente lonxe, escóitase nun radio de 100-200 km á redonda, non moito máis alá. Estes fenómenos parecen moi locais, parece que o ves e que está ao lado da túa casa, pero realmente pode estar ocurrindo bastante lonxe”.

Este expero en astronomía sinala que o bólido é un fenómeno “relativamente habitual”, se ben tamén recoñece que “ao mellor un tan potente como este non é fácil de ver”. Ademais facilitou a observación o feito de que o ceo estivese despexado. No caso da Veiga, aínda máis xa que ao estar a paisaxe cuberta de neve, iso incrementaba a sensación de luz.

 

Artigos relacionados

Back to top button