CulturaCulturaÚltima hora

Un brazal de arqueiro do inicio da Idade do Bronce, “Peza do Mes” do Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense

Foi un achádego casual realizado no Coto do Brigueiro (Carballeda de Avia) e que forma parte da colección do museo dende 1951

Brazal de arqueiro do Coto do Brigueiro (Carballeda de Avia)./ Foto: Fernando del Río.

 

Considéranse elementos típicos dos enxovais funerarios da Prehistoria recente, nun momento avanzado do Calcolítico, contra mediados do III milenio a. C. Sen embargo, a función dos brazais de arqueiro non está de todo clara. A distribución xeográfica deste tipo de artefactos esténdese por case toda Europa, pero con diferentes tipoloxías, e na Península Ibérica documéntanse moi frecuentemente nos enterramentos campaniformes.

Entre os descubertos en Galicia está o Brazal de arqueiro do Coto do Brigueiro (Carballeda de Avia), escollido como “Peza do Mes” de abril polo Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense. Forma parte da colección desta institución dende 1951, momento no que se incorporou como  doazón da Sociedade Arqueolóxica de Ribadavia e foi rexistrada co número 3.117.

Foi un achádego casual no Coto do Brigueiro, no lugar de Vilar de Condes, segundo explicaba Florentino Cuevillas, nun artigo publicado en Cuadernos de Estudios Gallegos. “Este sería o único obxecto recuperado do interior dunha especie de caixa formada por grandes pedras, segundo a descrición dos seus descubridores, que Cuevillas interpreta como unha cista de comezos da Idade do Bronce”, sinala Belén Pérez Rumbao, no traballo realizado sobre este brazal que vén de ser publicado polo Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense.

“Trátase dunha pequena placa de lousa recortada, de morfoloxía rectangular, lixeiramente adelgazada no centro, cos ángulos redondeados, sección plana e superficie coidadosamente puída. Presenta unha perforación bicónica, centrada en cada un dos lados menores e ten unhas dimensións de 89 mm de lonxitude, 23,5 mm de anchura e 7 mm de espesor”, detalla a investigadora.

Ademais sobre o uso e función deste tipo de obxectos apunta que “xurdiu dende antigo un intenso debate que aínda se mantén, sendo a interpretación máis aceptada –e de aí o nome que tradicionalmente se lles deu– aquela que as entende como elementos de protección dos pulsos dos arqueiros ao dispararen as frechas, para evitaren que o impacto do retroceso da corda trala distensión do arco lles bata e dane o antebrazo”.

Pérez Rumbao tamén se refire aos paralelos próximos desta peza, mencionando outras dúas existentes no museo ourensán e “das que se descoñecen as circunstancias do seu descubrimento. Unha delas (Nº Inv. 507) foi ingresada pola Comisión de Monumentos en 1925, sen que consten datos de procedencia, e a outra (NºInv. 5.338) é un exemplar incompleto que presenta tres orificios no extremo, achado nos anos 80 nos montes situados entre O Irixo e Brués”.

E xa doutros lugares de Galicia proceden “o brazal encontrado, en 1984, na cista nº 2 de Gandón (Cangas), acompañado dunha dubidosa punta Palmela e seis minúsculos fragmentos cerámicos lisos”, di a investigadora.

O seu traballo conclúe indicando que, “sexa cal sexa a súa enigmática función, o que en definitiva resulta innegable é que estamos ante obxectos de prestixio, cun alto valor simbólico, que funcionan como un sinal de rango e dignidade do defunto ante a comunidade presente no rito funerario. Ao mesmo tempo reflicten unha crecente complexidade social, evidenciada polo súa aparición en tumbas individuais, de personaxes masculinos, arqueiros ou guerreiros. Individuos que pertencerían ás élites dominantes xurdidas no seo dunhas comunidades paulatinamente xerarquizadas como consecuencia do aumento de riquezas producido pola acumulación de excedentes alimentarios ou por un crecente control da metalurxia, nun momento en que se xeneraliza o uso de útiles e armas metálicas”.

O Museo, pechado ao público

Co obxectivo de garantir a saúde de visitantes e traballadores, “e seguindo as indicacións das autoridades sanitarias en relación co Covid-19, o Museo e a Sala de exposicións Escolma de Escultura permanecerán pechados ao público” nestes días, tal e como se informa dende esta entidade.

Ademais matízase que este “peche supón a cancelación das actividades presenciais programadas neste periodo polo que non se fará a Presentación da Peza do Mes. No entanto, as persoas que precisen realizar algunha consulta poden facelo a través do enderezo electrónico: mapour@xunta.gal.

O equipo técnico do Museo continuará a traballar, prestando servizos a través de ferramentas dixitais e potenciando os contidos online.

 

Artigos relacionados

Back to top button