OurenseÚltima hora

“Un Camiño imaxinado” xa é unha realidade en Pereiro de Aguiar

Trátase da recreación da Vía da Prata para divulgar neste municipio os valores do Camiño de Santiago

 

O proxecto “Un Camiño imaxinado” xa é unha realidade en Pereiro de Aguiar. O acto inaugural desta singular iniciativa tiña lugar esta mañá e contaba coa presenza do delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, do alcalde de Pereiro de Aguiar, Luís Menor, e do presidente da Deputación Provincial de Ourense, Manuel Baltar. Esta proxecto contou co apoio da Xunta no marco do programa O Teu Xacobeo cunha achega de preto de 11.000 euros.

Trátase dunha recreación das distintas etapas da Vía da Prata entre A Pobra de Sanabria e Santiago de Compostela e que serve de divulgación e promoción do Camiño de Santiago neste municipio, dentro unha contorna natural privilexiada e porta de entrada cara a Ribeira Sacra e as serras orientais de Galicia.

“Un Camiño imaxinado” expón, nun percorrido deseñado a unha escala circular de 4 quilómetros nun espazo de recreo de uso diario, o patrimonio natural e cultural presente nas diferentes etapas da Vía da Prata en dous orixinais formatos.

Por unha parte, empregouse a cuncha da vieira como símbolo máis representativo do Camiño de Santiago de gran tamaño para sinalizar a ruta no inicio desta e, por outra, distribuíronse nove paneis informativos ao longo do traxecto. Nestes espazos, realizados sobre lona impresa, persoas de recoñecida traxectoria intelectual presentaron esta ruta nunha linguaxe atractiva para ilustrar os recursos presentes no percorrido.

Así, as etapas que contempla O Camiño imaxinado, atendendo tamén ás variantes que presenta esta ruta, son: A Pobra de Sanabria-Lubián (en Zamora), Lubián-A Gudiña, A Gudiña-Laza, Laza-Xunqueira de Ambía, Xunqueira de Ambía-Ourense, Ourense-San Cristovo de Cea, San Cristovo de Cea-Dozón, Dozón-Bandeira e Bandeira-Santiago de Compostela.

Gabriel Alén sinalaba que trátase de pór en valor “a idea dunha Galicia e un Xacobeo integradores e abertos a todos e cada un de nós; unha terra e un destino hospitalarios e solidarios, como somos nos; como é Galicia”. Ademais indicaba que, “a través de proxectos como este, podemos desfrutar dun Ano Xacobeo, que debido ás circunstancias actuais, prolongarase ata o ano 2022, nun contexto único que nos permitirá seguir facendo de Galicia ese destino especial e aberto ao mundo”.

“En catro quilómetros os visitantes poderán percorrer de xeito imaxinado a Vía da Prata, que a próxima semana terá o seu protagonismo en Fitur, onde a través do Inorde imos facer unha presentación das vivencias que o visitante pode gozar ao longo deste camiño”, sinalaba o presidente da Deputación de Ourense. Ademais referíase ás actuacións que este organismo provincial está a levar a cabo na contorna do encoro de Cachamuíña, como o proxectado Parque da Igualdade, os equipamentos para a práctica deportiva ou a ampliación das zonas de aparcamento grazas ao convenio cos comuneiros da Chaira, sen deixar de citar o futuro complexo acuático de Monterrei que se está a construír nas proximidades.

Pola súa banda, Luis Menor, agradeceu a colaboración da Deputación de Ourense neste proxecto “co que quixemos achegar ao noso concello o espírito e a promoción dos valores da Vía da Prata neste Xacobeo”.

O Teu Xacobeo

Na súa segunda fase, o programa O Teu Xacobeo pretende dinamizar os concellos que forma parte da Vía da Prata-Camiño do Sueste achegando un impulso ao diálogo entre a totalidade dos concellos polos que pasa o Camiño.

Deste xeito, apóstase por darlle voz á poboación máis nova para que sexa esta a encargada de recompilar as historias e experiencias que se xeran ao longo da Ruta Xacobea.

A segunda edición do programa O Teu Xacobeo permitirá desenvolver un total de 220 propostas orientadas a dinamizar a programación sociocultural do Xacobeo 2021-22, destinando un investimento de case 3,3 millóns de euros. Trala resolución da concesión, os beneficiarios veñen de comezar a desenvolver os seus proxectos para o que contan de prazo ata o vindeiro mes de setembro, trala concesión dun adiamento por mor da covid-19 co obxectivo de que poidan dispor de máis tempo para levar adiante os proxectos propostos.

Esta segunda edición volveu resultar un éxito de convocatoria, con case un milleiro de proxectos presentados, que permitirán mobilizar un orzamento de 5,8 millóns de euros.

O resultado é unha programación sociocultural que está a contribuír na promoción de Galicia e, especialmente, do Xacobeo 2021, a través dun impulso descentralizador e plural que permite o desenvolvemento de actividades en todo o territorio galego.

Artigos relacionados

Back to top button