ConcellosGalerías de fotosÚltima hora

Un cento de cativos percorren a Rúa Vella nunha “terrorífica” tarde de Samaín

Na actividade, organizada pola Asociación Sabugueiro, tamén colaboraron moitos adultos

 

Dado o éxito das actividades que organizan, cunha alta participación, parece incrible que unhas semanas atrás a Asociación Sabugueiro estivese a piques de desaparecer.

Pasado o perigo e contando con novos colaboradores, o pasado sábado 23 de outubro organizaban unha animada e concorrida Festa do Magosto á que asistían máis de 300 persoas. E na tarde deste domingo 31 de outubro, volvían colgar o cartel de completo nunha das actividades máis esperadas polo público infantil, o Samaín, cun cento de cativos e tamén moitos adultos, todos con horripilantes e divertidos disfraces, percorrendo as rúas da vila cos amigos, na procura dunha boa presada de lambetadas.

 

 

Con saída na praza César Conti, distribuídos en grupos en función da idade e cun mapa na man, os pequenos seguían as indicacións, visitando as casas colaboradoras para recibir os doces, ao tempo que esquivaban ás meigas, pantasmas e zombies que ían atopando polo camiño.

Despois de percorrer un bo número de casas, dende as urbanizacións A Cegoña ou Fondo da Rúa, ata a rúa Fondareas, Camiño Novo ou Cantalarrana, seguindo as indicacións do mapa, a ruta remataba no Campo de San Roque desfrutando das lambetadas conseguidas.

Protección Civil da Rúa tamén participou na actividade, axudando aos cativos a cruzar as rúas.

 

 

Fotos: Mónica G. Bellver excepto a última da galería que é cedida.

Artigos relacionados

Back to top button