DeportesGalerías de fotosÚltima hora

Un cento de participantes no I Gran Premio de Montaña D.O. Valdeorras

Incluía andaina e trail con dúas distancias diferentes en cada unha das probas: 7 km ou 20 km

A praza de Fontei, na Rúa, convertíase no punto de partida e na meta das catro probas incluídas no I Gran Premio de Montaña da Denominación de Orixe Valdeorras, desputado o pasado 11 de outubro. Esta competición arrancaba as nove da mañá coa saída da camiñata longa (20 km), seguía co trail longo (tamén de 20 km) e despois coa andaina curta e co trail curto (ambos de 7 km).

Tras completarse as diferentes probas, tiña lugar na mesma praza de Fontei unha pinchada ofrecida pola organización aos participantes. De seguido, procedíase á entrega de premios. O vencedor do trail longo era Castor Salgado Rodríguez de Porqueira, mentres que o segundo e o terceiro lugar conquistábano os barquenses Marco Rodrigues Pinto e Jesús Rodríguez León, respectivamente. Ambos corrían coas cores do Club Fluvial Barco. Nas categorías femininas destacaba o primeiro posto da pontevedresa Vanessa Jiménez e o segundo da ruesa Rosa María Diéguez.

Na carreira curta, o título de vencedor quedaba en mans do veigués Damián Anta Fernández (Adas Proinor), mentres que o rues José Álvarez entraba segundo e Nuno Joel Cardoso (Adas Proinor), terceiro. Os mellores resultados femininos na cita lográbanos a ourensá Leticia Seguín, ganadora, e a zamorana Nerea Martín, segunda. Ademais o participante máis novo das dúas andainas era Daniel Rodríguez e o de máis idade, Gloria Pérez. Ambos recibían trofeo.

Esta proba foi organizada polo Club Atletismo Rúa, co patrocinio do Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras e coa colaboración do Concello da Rúa e da Delegación Valdeorresa da Federación Galega de Atletismo.

Máis información na edición en papel do Periódico O Sil

Texto: A.R. Fotos: Mónica G. Bellver

Artigos relacionados

Back to top button