Galerías de fotosÚltima hora

Un cento de persoas asiste ao xantar de Manos Unidas en Sobradelo

A recadación irá destinada a dous proxectos solidarios: un na India e outro na República Democrática do Congo

Un ano máis moitos veciños da comarca de Valdeorras atenderon a chamada solidaria de Manos Unidas, asistindo ao xantar benéfico que no mediodía do 13 de marzo se celebrou no colexio de Sobradelo (Carballeda de Valdeorras).

Tal como adianta a responsable de Manos Unidas en Sobradelo, Natalia García, xuntáronse ao redor da mesa unhas cen persoas que degustaron un menú a base de tortillas elaboradas pola organización, fiambre donado polos supermercados de Sobradelo e O Barco de Valdeorras, empanadas e pan elaborado na panadería de Sobradelo, e bicas caseiras. Ademais, a anterior presidenta da Manos Unidas, Toña Franco volveu sorprender aos asistentes coas súas tradicionais canas de crema caseiras, uns doces que teñen gran aceptación por parte dos comensais “tanto no xantar como cando se venden”, puntualiza a actual presidenta, engadindo que os negocios tamén colaboraron coa causa, donando máis de cen agasallos que foron sorteados.

Tal como explica Natalia, entre os asistentes ao xantar estiveron o párroco de Sobradelo, a alcaldesa de Carballeda e a responsable de Manos Unidas en Rubiá, que foi a encargada de explicar os dous proxectos da ONG para os que irán destinados os cartos recadados este ano. Un deles na República Democrática do Congo, para a formación agrícola e alimenaria na zona rural (un proxecto que precisa preto de 74.000 euros); e o outro na India, onde se leva a cabo un programa sanitario centrado na Sida, con apoio e asistencia médica para as familias que conviven cos enfermos, así como formación para detectar a enfermidade o máis rápido posible (cun presuposto de máis de 60.000 euros).

Cada campaña, dende Sobradelo poñen o seu gran de area para axudar á xente que tanto o necesita, celebrando unha xornada de convivencia na que a xente demostra que está disposta a colaborar.

Máis información na vindeira edición en papel do Periódico O Sil.
Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button