SanidadeÚltima hora

Un cento de profesionais da psicoloxía reuniranse o 23 e 24 de novembro no Carballiño

As Xornadas de Psicoloxía e Saúde do Colexio Oficial de Galicia chegan á súa XXIII edición centradas na tecnoloxía e os retos do mundo dixital

O venres, 23 de novembro, comezará a XXIII edición das Xornadas da Sección de Psicoloxía e Saúde que neste ocasión se centran nas tecnoloxías emerxentes e nos retos que supón unha contorna dixital para a psicoloxía. Será a primeira vez que este encontro profesional de carácter autonómico se celebre no concello ourensán do Carballiño, onde se reunirá un cento de profesionais.

Tal como avanzan dende a organización (que conta coa colaboración do Concello e do Casino do Carballiño), nesta edición que leva por título “Das vellas tecnoloxías ás tecnoloxías emerxentes; a dixitalización das contornas e das relacións” tentarase reflexionar sobre o impacto tanto na sociedade en xeral como na propia práctica clínica. O venres 23 e o sábado 24 haberá oportunidade de debater sobre o impacto da intervención terapéutica online, das aplicacións tecnolóxicas que se están a empregar no eido psicolóxico ou preocupacións tan en auxe como as adiccións sen substancia ás tecnoloxías.

O presidente da Asociación Salud Digital, Jaime del Barrio Seoane será o encargado de ofrecer a conferencia inaugural que leva por nome “A xestión da saúde nun click: mapas da era dixital, evolución, situación actual e perspectivas”. A continuación será a quenda da análise da terapia online, coa experiencia da psicóloga clínica Mar Aparicio Sanz e do médico psiquiatra Óscar Fernández Torre, de Cantabria, mentres que a avogada Cecilia Barros Díaz exporá os aspectos xurídicos e deontolóxicos do uso de novas tecnoloxías na práctica psicolóxica.

Xa na tarde do venres exporanse dúas caras opostas do impacto tecnolóxico na vida das persoas. Por unha banda, a psicóloga de FEAFES Galicia-Ourense, Patricia Gómez Salgado, reflexionará sobre como estas ferramentas poden favorecer a dinamización e a integración; mentres que o psiquiatra da Unidade de Condutas Adictivas de Ourense Gerardo Flórez Menéndez tratará o abuso do tecnolóxico. Pechará a xornada unha mesa sobre as potencialidades comunicativas que ofrecen as TIC. O psicólogo clínico Xacobe Abel Fernández García exporá a súa experiencia na moderación dun grupo nas redes sociais para a dinamización profesional, mentres que a psicóloga María José Fares Varela e experta en xerontoloxía, tratará sobre a fenda dixital e como superala.

Na xornada do sábado será a quenda de aplicacións tecnolóxicas: “e-Motional Training” para o tratamento e a rehabilitación do funcionamento cognitivo será exposto polo psiquiatra Alexandre García Caballero, do Complexo Hospitalario de Ourense; mentres que Lucía Maneiro Santamaría e Rafael Tourón Estévez reflexionarán sobre as posibilidades da realidade virtual aumentada para a resolución de dificultades como creadores do software PsicoVR. O peche destas xornadas correrá por conta de Ana Calero Elvira, doutora en Psicoloxía e directora da Clínica Universitaria do Centro de Psicoloxía Aplicada da Universidad Autónoma de Madrid, que presentará a conferencia titulada “O impacto das tecnoloxías emerxentes na atención psicolóxica: reflexións e consideracións desde ‘o tradicional'”.

Tamén haberá oportunidade para actividades internas da Sección de Psicoloxía e Saúde, como a presentación do Anuario de Psicoloxía e Saúde, unha publicación que chega ao seu décimo primeiro número e que nesta ocasión se centra no humor. Tamén se presentarán as comunicacións libres e pósteres que poden ser remitidas polos colexiados e colexiadas nas que se trate calquera temática relacionada coa psicoloxía clínica ou da saúde. As mellores, tanto en formato oral como escrito, recibirán un bono formación da Sección de Psicoloxía e Saúde por valor de 200 euros, ademais de publicarse no vindeiro número do Anuario de Psicoloxía e Saúde de 2019.

 

Artigos relacionados

Back to top button

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies.
Pinche el enlace para mayor información. También puede consultar aquí nuestra política de protección de datos

ACEPTAR
Aviso de cookies
Close