En portadaÚltima hora

Un coche cae por un cavorco na estrada de Viloira a Soulecín (O Barco)

 

Rozando as 12h. do mediodía deste 6 de marzo producíase un accidente de tráfico na estrada que une a localidade de Viloira coa de Soulecín (O Barco). Un vehículo saíase da vía e caía polo cavorco. Foi a propia persoa que conducía o coche, e única ocupante do vehículo, a que deu aviso ao 112, indicando tamén que non podía abandonalo polos seus propios medios.

Ata o lugar do accidente desprazábanse de inmediato o Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) Valdeorras, unha ambulancia do 061, a Policía Local do Barco, así como os bombeiros do parque comarcal e a Garda Civil de Tráfico.

O lugar no que quedaba o coche tras a caída duns 15 metros, complicaba os labores de rescate, que se alongaban case unha hora. “Tras os labores de excarceración, a persoa ferida puido ser atendida polo equipo médico desprazado ata o lugar do accidente”, segundo informa o 112 Galicia.

Posteriormente era trasladada en ambulancia ata o Hospital Público de Valdeorras.

Dende o 112 Galicia tamén se indica que “para garantir as condicións de seguridade na estrada, deuse aviso tamén aos axentes da Garda Civil de Tráfico, á Policía Local e aos membros de Protección Civil da localidade”.

Fotos cedidas.

Imaxe do lugar do accidente, na estrada de Soulecín.

Artigos relacionados

Back to top button