CulturaCulturaEn portadaÚltima hora

Un colar de 23 doas e a cara interna da muralla do Castro de San Lourenzo, principais descubertas da oitava campaña neste xacemento

Conclúe a oitava intervención arqueolóxica neste xacemento de San Pedro de Cereixa (A Pobra de Brollón), desenvolvida do 1 ao 12 de agosto

Intervención arqueolóxica en agosto no Castro de San Lourenzo (A Pobra do Brollón)./ Foto: Proxecto Castro de San Lourenzo.

 

Unha campaña arqueolóxica máis, e xa van oito, o Castro de San Lourenzo na parroquia de San Pedro de Cereixa (A Pobra do Brollón), segue deparando achádegos sorprendentes. Este asentamento de orixe prerromana estivo en uso ata o século I antes de Cristo, sendo despois abandonado durante 800 anos. Non foi ata o século IX cando volvía ser novamente ocupado. E neses dous momentos da historia deste lugar volvían afondar as escavacións realizadas entre os días 1 e 12 de agosto e que tiñan como complemento un campo de voluntariado internacional, que cumpre xa cinco edicións.

Entre os resultados máis relevantes desta intervención, promovida pola Asociación de Veciños María Castaña de Cereixa, figuran a descuberta da cara interna da muralla castrexa e un colar ou pulseira con 23 doas de diferente tipoloxía. Ademais, nos niveis castrexos saían á luz numerosas estruturas de combustión e na parte medieval escavábanse varias tumbas, case todas infantís.

“Realmente cumprimos os obxectivos. O primeiro deles era ampliar a área de escavación entre a ábsida da igrexa e a muralla. Localizamos a cara interna da muralla, un muro monumental de 4 metros de alto feito cun zócalo de cimentación e cunha estrutura en talude con varios tramos diferenciados, nos que se distinguen diferentes fases. A muralla presenta un estado de conservación ideal, perfecto, apenas ten derrubos de pedra. Nos 800 anos de abandono do castro, os procesos deposicionais e da escorrentía serviron para protexer de maneira natural a propia cara interna da muralla, que quedou como blindada, selada”, explica o director da escavación, Xurxo Ayán. Ademais este elemento defensivo foi construído en pedra seca, sen argamasa, con coios de cuarcita, o que o converte nun dos poucos exemplos no noroeste peninsular de murallas castrexas feitas con este material.

“Normalmente adosada á cara interna da muralla adoitan aparecer vertedoiros, lixeiras ou estruturas doutra índole, e aquí, aínda que a superficie intervida é pequena, non aparece nada. Eu cada vez estou máis convencido de que o castro tivo un uso moi intensivo pero que durou pouco no tempo. Estaba adicado ou especializado na metalurxia do ferro e mesmo é probable que tivese unha ocupación curta no tempo e que fose abandonado dun xeito rápido. Isto pode ser unha hipótese de cara ao futuro, xa que tampouco aparecen evidencias de que fora abandonado por un incendio ou por unha catástrofe”, comenta Xurxo Ayán.

 

Raúl e Claudia, dous voluntarios do campo, no fondo da gabia valorativa coa cara interna da muralla ao fondo./ Foto: Proxecto Castro de San Lourenzo.

 

Así mesmo, nos niveis castrexos do asentamento, os investigadores descubrían “máis estruturas de combustión, neste caso circulares, cinguidas por coios de cuarcita, pero no chan tiñan unha lareira feita en lousa con buratos, que xa nos aparecera tamén cando escavabamos no 2017 a cabana castrexa, que está ao norte”, engade Ayán. E foi precisamente neste entorno onde saltaba a sorpresa nos derradeiros días da campaña: atopánbase 23 doas (dun colar ou cunha pulseira) esparexidas nesa mesma zona, “algunhas feitas de bronce, outras en pasta vítrea, en oso…, e ata é posible que algunha teña ouro pulverizado. A alguén se lle romperon facendo algo e quedaron alí depositadas. Son diminutas, este material precisa dun labor de detalle e, de feito, temos varios capachos de sedimentos que nos próximos meses van ser cribados porque é bastante factible que aparezan máis”.

Ayán cualifica este achádego de sensacional. “Coñécense doas de épocas máis antigas, temos que analizar un pouco agora a literatura científica, pero para a zona galaica este é un dos castros excepcionais por terse atopado un colar ou pulseira, practicamente enteiro. Ademais en época galaico-romana ou en xacementos romanos adoitan aparecer en contextos funerarios, polo que o feito de que en San Lourenzo estean nun contexto, xa non doméstico, senón case industrial, resulta moi suxerente e moi interesante”. Á beira destas doas estaba unha estrutura de combustión con carbóns que se van datar por Carbono 14 e que permitirán concretar a cronoloxía do castro. “Xa temos carbóns desa zona que datamos o ano pasado e que nos dan o século II antes de Cristo, queremos datar agora esta parrilla. Sabemos claramente que o castro é prerromano, probablemente do século II, e este colar seguramente sexa da última fase do período prerromano-castrexo”, indica o director da escavación.

 

Doas de colar ou pulseira, in situ./ Foto: Proxecto Castro de San Lourenzo.

 

Tumbas infantís medievais

Esta intervención arqueolóxica desvelaba no límite oriental da capela de San Lourenzo unha serie de tumbas infantís correspondentes ao século XII ou primeiros do século XIII, xusto antes do abandono da necrópole. “Trátase dunha área de concentración de tumbas infantís, que están sempre en áreas periféricas ou marxinais. Estas tumbas son máis recentes e caracterízanse por estar feitas dunha maneira moito máis rápida, constrúense por riba doutras tumbas antigas, é dicir, hai como dous pisos de tumbas, xa non lles sobraba o espazo porque é un cemiterio que foi utilizado durante alomenos 300 anos”, matiza Xurxo Ayán.

Nelas xa non se ven muros de cachotería laterais, senón que reutilizan “lousas de tumbas antigas, en fin, vese que foron feitas dunha maneira máis precipitada, ao mellor tamén produto dunha pandemia… E é moi interesante tamén como reutilizan materiais antigos, por exemplo, en dúas delas aparecen reutilizados muíños barquiformes castrexos”, conta o director da escavación.  E, a diferenza doutras campañas, na deste ano apenas se localizaban restos óseos nas tumbas, pero “si carbóns que axudarán a datar con maior exactitude os enterramentos”.

Outro dato relevante é que “seguen aparecendo carbóns dentro das tumbas, que é algo moi interesante, posto que estes carbóns non están relacionados co corpo do finado, senón con prácticas funerarias ou rituais”, indica Ayán.

 

Escavación de tumba medieval coa antropóloga Candela Martínez Barrio./ Foto: Proxecto Castro de San Lourenzo.

 

Arqueoloxía en comunidade

Esta oitava campaña foi promovida pola Asociación Veciñal María Castaña de Cereixa (no marco do Bicentenario do Concello de Cereixa) co aval científico do Instituto de Història Contemporânea da Universidade Nova de Lisboa e o Instituto de Ciencias do Patrimonio do CSIC. Desenvolveuse do 1 ao 12 de agosto co apoio do quinto campo de Voluntariado internacional (con 15 participantes), realizado a través dun convenio entre o Concello da Pobra do Brollón e a Dirección Xeral de Xuventude da Xunta de Galicia.

Outro dos obxectivos desta intervención no Castro de San Lourenzo era manter o proxecto de arqueoloxía en comunidade, e, nesa liña retomar a Romaría de San Lourenzo, “algo que tamén conseguimos e do que estamos moi satisfeitos. A resposta da comunidade foi magnífica, e a xente do campo de voluntariado ficou tamén encantada”, resalta Ayán que xa ten a vista posta na campaña do vindeiro ano, pero sen perder de vista a traxectoria desta iniciativa arqueolóxica xa asentada. “Levamos dende o 2016 e eu creo que somos dos proxectos decanos en Galicia, xunto co do Castro de Doade en Lalín, bastante semellante ao noso”.

 

Rodrigo Paulos, un dos membros do equipo, explica a estratigrafía do abandono do castro./ Foto: Proxecto Castro de San Lourenzo.

 

San Lourenzo, un castro especializado na metalurxia do ferro

Cando o equipo de investigadores dirixido por Xurxo Ayán chegaba ao Castro de San Lourenzo no 2016 facíao coa idea de que se trataba dunha coroa mineira, é dicir, dun castro habilitado para os traballadores das minas de ouro romanas, pero o seu labor arqueolóxico nestes anos vén a demostrar que en realidade se trata dun xacemento prerromano especializado na metalurxia do ferro.

“Nos últimos 15 anos lévanse escavado o que se presupoñían que eran coroas mineiras en Asturias, León e O Bierzo e viuse claramente con datacións de Carbono 14 que son anteriores á chegada dos romanos. Nos anos que levamos escavando en San Lourenzo non aparece ningún material romano, nin de ouro, pero o que si nos aparece de maneira estensiva, intensiva, da igual que escaves no norte da croa que no sur, é grande cantidade de escouras de ferro, claramente prerromanas. Aparecen estruturas de combustión, parrillas, a cabana co forno, mesmo estruturas feitas de material perecedoiro como cabanotes para facer este tipo de traballos… A arquitectura que vemos acae moi ben a este tipo de establecementos industriais, que ademais despois teñen continuidade na etapa medieval”, subliña Ayán.

Isto fai tamén do Castro de San Lourenzo algo único e nese aspecto pretenden centrarse as investigacións no futuro. “Coñécense castros especializados na metalurxia do ferro, por exemplo, o de Orellán no Bierzo, pero de cronoloxía romana. Entón isto pode ser un bombazo á hora de estudar a tecnoloxía castrexa, a sectorización social, porque ten que haber xefaturas que controlen este tipo de produción e a súa distribución, e igual que hai castros especializados na produción agraria, como se considera o de Arxeriz no Saviñao, hainos na metalurxia”, sinala o director da escavación, por iso, “un dos obxectivos a curto ou medio prazo é indagar neste tema arqueometalúrxico, porque vemos que ten unha importancia grande para interpretar o xacemento”.

 

Imaxe da oitava campaña arqueolóxica neste xacemento./ Foto: Proxecto Castro de San Lourenzo.

Artigos relacionados

Back to top button