DeportesFútbolÚltima horaVerín CF

Un convenio entre o Verín CF e o Concello converte as escolas municipais nunha entidade filial do equipo

 

Esta tarde asinábase o convenio entre as Escolas Deportivas Municipais e o Verín Club de Fútbol, polo que este último poderá incorporar ao seu persoal, segundo as súas necesidades, xogadores que pertenzan á entidade local. É o primeiro paso, “necesario”, como apuntaba o alcalde de Verín, Gerardo Seoane, para que a entidade que preside Juan Carlos Francisco pode recuperar as súas categorías de base.

Tamén o presidente das Escolas Deportivas Municipais, José Ángel Rodicio -presente no acto da firma-, coincidiu co rexedor verinés na “necesidade da firma deste acordo. O Verín Club de Fútbol é o club do noso pobo e non tiña moito sentido que os nosos rapaces non tivesen un vínculo co equipo do seu pobo, aínda pertencendo a un club, o das Escolas Deportivas, que non deixa de ser un club de formación”.

 

 

O presidente do Verín Club de Fútbol, Juan Carlos Francisco, agradeceu a disposición tanto do alcalde como do presidente das Escolas Deportivas, que “nos permite alcanzar un acordo de filialidad, onde as escolas deportivas pasan a ser filiais do Verín mantendo a súa independencia pero dotando de oficialidade esa relación. Este convenio tamén persegue fortalecer todo o que ten que ver co fútbol na nosa comarca e que as nenas e nenos das escolas vexan no Verín ao seu club de referencia”, explicou Juan Carlos Francisco.

Así mesmo Francisco Rivera manifestaba que “este é un primeiro paso esencial para configurar un club que aspire a algo máis que estar en categorías rexionais”, sinalando que “se estamos todos xuntos, este proxecto sairá ben. Se somos capaces de que as nenas e nenos veñan ao estadio e vexan que o noso club consegue resultados positivos, seguro que nun futuro estarán orgullosos de participar e xogar no equipo da súa vila, que ten como obxectivo fundamental saír destas categorías rexionais e entrar nunha nacional, moito máis acorde ao potencial da nosa vila”.

Artigos relacionados

Back to top button