OurenseÚltima hora

Un curso de apicultura aprenderá aos ourensáns sobre coidados de abellas

A formación levarase a cabo na fin de semana do 20 e 21 de maio na Fundación Otero Pedrayo, en Trasalva

Os veciños da comarca de Ourense terán a oportunidade de adentrarse no mundo das abellas esta primavera. A fin de semana do 20 e 21 de maio, a Asociación Galega de Apicultura celebrará un curso básico de apicultura na Fundación Otero Pedrayo en Trasalba. Os participantes poderán adquirir os coñecementos básicos para desenvolver unha actividade que reporta numerosos beneficios, dende a colleita dos seus valiosos produtos ata a mellora na produción da horta, pasando polo pracer de adicarse a unha actividade en contacto coa natureza e que contribúe ademais ao coidado do medio ambiente.

O programa do curso, de 12 horas de duración, inclúe unha parte teórica na que explicarán os principais aspectos para coñecer as abellas e como coidalas, e unha parte práctica, na que os participantes visitarán un colmear e aprenderán como realizar o manexo das colmeas e as tarefas apícolas necesarias para a colleita dos seus produtos.

O curso ten un custo de 50 euros e para os socios e socias de AGA é gratuíto. Tamén hai a posibilidade de asociarse a AGA, co pago dunha cuota anual de 50 euros, e ademais de poder participar no curso de balde pódese recibir un asesoramento técnico durante todo o ano, xunto co resto de servizos que ofrece a asociación.

Coa inscrición no curso vai incluida a publicación de AGA “Curso de apicultura”, un manual práctico sobre apicultura que inclúe a información principal explicada durante o curso. Para anotarse poñerse en contacto coa asociación no teléfono 981 508 142 ou no email info@apiculturagalega.es.

 

Cartel do curso.

Artigos relacionados

Back to top button