OurenseÚltima hora

Un denario de Vespasiano do campamento militar de Aquae Querquennae, “Peza de Marzo” do Museo Arqueolóxico de Ourense

A súa presentación terá lugar o mércores 11 de marzo ás 20h. na sala da exposición “Escolma de Escultura” en San Francisco (Ourense)

Denario atopado na campaña de escavación de 2011 de Aquis Querquennis, dirixida por Santiago Ferrer Sierra. Foto: Fernando del Río.

 

Construído en época alto-imperial romana, o campamento militar romano de Aquae Querquennae (Porto Quintela, Bande) é un recinto castrense de 2,6 hectáreas e acolleu a un contixente de tropas dependente da legio VII Gemina, acantonada en León. Neste asentamento, que estivo ocupado entre o 74/75 d.C. e o o 120 d.C., recuperouse unha gran cantidade de restos arqueolóxicos. Entre eles estaba un denario de Vespasiano (Titus Flavio Vespasianus), que ten sido escollido como “Peza do Mes” de marzo polo Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense. Será presentada o mércores 11 de marzo ás 20h. na sala da exposición “Escolma de Escultura” en San Francisco (Ourense). A explicación da peza correrá nesta a cargo de Tomás Vega Avelaira.

Este denario está cuñado en prata e foi atopado durante a campaña de escavacións arqueolóxicas do ano 2011, dirixidas polo arqueólogo valdeorrés Santiago Ferrer Sierra. “Os denarios con estes tipos foron cuñados na ceca de Roma (Italia) durante o período comprendido entre os anos 69 e 71 d.C.”, segundo sinala Vega Avelaira na publicación do museo sobre esta peza.

Unha das peculiaridades desta moeda é que no seu reverso resáltase a fin da primeira guerra xudeu-romana, iniciada no 66 d.C. O territorio de Xudea aparece representado como unha muller sentada “en actitude de dó” e cun trofeo ás súas costas, “un amontoamento de armas aos seus pés que consta de dous escudos de gran tamaño que simbolizan a derrota do inimigo”, citando a Tomas Vega Avelaira.

Ademais da súa función económica, como medio de pagamento, as moedas romanas posuían un carácter propagandístico e unha función “apotropaica (amuletos), funeraria (compoñente do enxoval do defunto), votiva (ofrenda ás divindades, en especial, a aquelas vinculadas con augas consideradas sagradas), decorativa, fundacional ou lúdica”, segundo este investigador.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies.
Pinche el enlace para mayor información. También puede consultar aquí nuestra política de protección de datos

ACEPTAR
Aviso de cookies
Close