ConcellosO BarcoÚltima hora

Un dispositivo extraordinario de Protección Civil atenderá ás persoas desaloxadas polos incendios

Estará formado por equipos de voluntarios nos Postos de Mando Avanzados creados nos municipios do Barco de Valdeorras e da Pobra do Brollón

O vicepresidente segundo da Xunta reunido no PMA do Barco co alcalde Alfredo García e representantes dos concellos de Carballeda, Vilamartín, A Veiga e Rubiá.

 

A Xunta porá en marcha un dispositivo extraordinario de Protección Civil para prestar a atención necesaria ás persoas desaloxadas das súas vivendas ante a vaga de lumes, ademais do apoio necesario á veciñanza. “Trátase da primeira vez que se organiza un operativo destas características tendo en conta a situación extraordinaria derivada dunha situación climatolóxica anómala”, en palabras do vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, ao trasladarlles a nova aos alcaldes dos concellos das provincias de Lugo e Ourense nos que se están a rexistrar os incendios, aos que solicitou a súa colaboración para trasladar á poboación os detalles deste operativo.

No marco deste dispositivo extraordinario “crearanse equipos de voluntarios de Protección Civil integrados nos Postos de Mando Avanzados (PMA) da Pobra do Brollón e do Barco de Valdeorras, que contarán cun coordinador encargado de organizar os membros de Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil (AVPC) de toda a comunidade en labores de apoio e loxística”, adiantan dende a Xunta, explicando que a estes puntos deberán trasladarse as persoas desaloxadas por mor dos incendios e que precisan volver ás súas vivendas, tanto as que están aloxadas en pavillóns e lugares habilitados como en vivendas de familiares ou persoas achegadas.

 

Voluntarios de protección civil axudando na extinción do lume en Valdeorras.

 

“Non poderán facelo sos e deben acudir sempre aos dous puntos habilitados para solicitar entrar nas súas vivendas”, puntualiza Diego Calvo apelando á concienciación da poboación para que comunique aos equipos de Protección Civil nos postos da Pobra do Brollón e do Barco de Valdeorras a axuda que precisen.

Os traslados deste tipo terán que ser sempre autorizados polo posto de mando tendo en conta a situación dos lumes en cada momento. No caso de ser posible a visita, “os efectivos de Protección Civil encargaranse de acompañar as persoas autorizadas a visitar os seus fogares co obxectivo de garantir a súa seguridade. Deste xeito, evítase que a cidadanía se poña en risco e que se lles ocasionen incidencias aos profesionais que traballan na extinción dos lumes mentres estes seguen activos”, din dende a Xunta.

O vicepresidente segundo da Xunta trasladou esta información aos municipios afectados polos incendios en dúas reunións celebradas hoxe xunto co director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva. Un dos encontros levouse a cabo no PMA da Pobra do Brollón co alcalde deste concello e con representantes municipais de Folgoso, Triacastela, Quiroga e Ribas de Sil, así como coa responsable das AVPC da provincia de Lugo que se encargará da coordinación dos equipos de voluntarios desde este posto. Na outra reunión celebrada no PMA do Barco de Valdeorras participaron o rexedor deste municipio, Alfredo García e representantes dos concellos de Carballeda, Vilamartín de Valdeorras, A Veiga e Rubiá.

Artigos relacionados

Back to top button