CulturaCulturaGalerías de fotosÚltima hora

Un divertido mundo de contos con Avelino González, no Barco

Este actor e narrador oral vigués actuaba en Viloira o 17 de xullo no marco do ciclo “De Perto”

Que O Barco quede lonxe ou non doutros lugares é unha cuestión moi, moi relativa. E ademais non depende da distancia física, senón, sobre todo, da mental. “Hai xente que leva a distancia na cabeza”, dicía o actor e contador vigués Avelino González na tardiña do 17 de xullo no Xardín da Casa Grande de Viloira. Actuaba dentro do ciclo “De Perto” nun espectáculo no que se ganaba ao público dende o primeiro momento.

A partir de aí debullaba con moito humor e frescura vivencias persoais como a caída que sufría na súa primeira actuación no Barco, na que resultaba “mancado” ao caerse dos zancos; xunto con historias fantásticos nacidas nesta localidade como o dun gran cervo que gardaba un bosque de nunca acabar no que se premiaba a xenerosidade, unha ensinanza que relacionaba coa da lenda da Cántara da Moura do río Cozos (A Veiga).

 

 

Avelino González proseguía achegándose ás paisaxes do contrabando, dende Valdeorras á raia, coa historia de dous peculiares contrabandistas namorados, Matías e Lucinda, que se iniciaba nas augas do río Miño. Un conto que ía entrelazando con historias e anécdotas vividas, lidas ou escoitadas, tocando de maneira áxil e coa complicidade do público temas como a retranca, a vantaxe de aprender idiomas a través da gastronomía ou a versatilidade do galego, ao conter todos os idiomas.

Esa historia de amor e contrabando derivaba nun final feliz, no que os grandes obstáculos que afastaban aos namorados acababan diluíndose, igual que as fronteiras e mesmo a distancia imaxinaria que separa ao Barco doutros lugares.

Fotos: Ángeles Rodríguez.

Artigos relacionados

Back to top button