En portada

Un documental abordará a construción dos encoros do Sil

O Mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil acollía a presentación deste filme que dirixirá o valdeorrés Domingo Díaz
Participantes no acto de presentación deste documental no Mosteiro de San Estevo de Ribas de Sil.
Participantes no acto de presentación deste documental no Mosteiro de San Estevo de Ribas de Sil.

A historia de Saltos do Sil, unha empresa que xorde no ano 1945 formada por un grupo de novos enxeñeiros que foron capaces de construír presas pioneiras en Europa, será relatada nun proxecto audiovisual que se presentaba na mañá do 22 de xullo no Mosteiro de Santa Estevo de Ribas de Sil (Nogueira de Ramuín). Trátase dun documental que levará por título “O desafío do Sil”, dirixido polo valdeorrés Domingo Díaz.

A construción destas presas supuxo un cambio radical para os habitantes das comarcas nas que estaban situadas, modificando totalmente a sociedade rural ao introducir a produción industrial. A filmación, que se desenvolverá en distintas épocas do ano e en varias localizacións da Ribeira Sacra, dará forma a un proxecto baseado no libro ‘A construción dos Saltos do Sil 1945-1965’, de Susana Chávarri e que está apoiado pola Deputación de Ourense, a Confederación Hidrográfica Miño-Sil, o Concello de Petín e Iberdrola, así como da Agadic.

O acto de presentación contaba coa participación do presidente do goberno provincial, Manuel Baltar; o director do documental, Domingo Díaz; o director de Agadic, Jacobo Sutil, e o presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, Francisco Marín; o alcalde de Petín, Miguel Bautista, e de Miguel Ángel López, xefe Xeración Sil de Iberdrola, entre outros.

No decurso deste acto tamén se proxectaban imaxes do documental do ano 1964 “Por la cuenca del Sil”, dirixido por López Heptener.

Artigos relacionados

Back to top button