CulturaCulturaÚltima hora

Un drama de misterio que non era tal

A nova montaxe de Gargallada Teatro

 

Para a súa volta aos escenarios, tras o parón da pandemia, Gargallada Teatro escolleu “Un desastre de función” adaptación de “The play that goes wrong” de Henry Lewis, Jonathan Sayer e Henry Shields, estreada en Londres en 2012. Premio Oliver á mellor comedia, foi representada con éxito en todo o mundo. En español tomou o título de “La función que sale mal” (Teatro La Latina, Madrid, 2019) e non nos consta que fose representada en galego ata esta ocasión, co que lle corresponde, ao grupo de teatro do Barco, o mérito de seren os primeiros en adaptar á nosa lingua esta laureada comedia británica.

 

 

Un grupo de actores afeccionados comezan a representar unha obra de misterio, todo xira arredor dun asesinato e a súa investigación nunha mansión victoriana que recorda os ambientes das novelas de Agatha Christie, “Asasinato en Haversham Manor” é o título da peza na que, desde o primeiro momento, nada parece encaixar e nada funciona como é debido. Unha historia dentro doutra, unha sorte de mundo ao revés cunha sucesión de gags ben construídos e na medida xusta, disparatados destrozos dos decorados, movementos dunha escenografía que colle vida propia, acentuando o desastre neste enredo “negro” que fixo escachar de risa aos que asistiron no Teatro Lauro Olmo ás dúas funcións que se ofreceron.

 

 

O público entra desde o primeiro momento no xogo que se lle propón e esa sintonía non se perde en toda a función, incluso vai in crescendo á medida que avanza a trama e semella chegar o momento de descubrir quen é o asasino. O dinamismo, que a dirección de Manuel Caramés e César M. Goldi lle imprime ao desenvolvemento das escenas, acrecenta o carácter cómico das mesmas ao tempo que supón un plus na dificultade interpretativa para o elenco. Proba superada cun notable alto en todos eles: os habituais de Gargallada (Reyes Limia, Aurora Fernández, Carmen Hernández, Manuel González e Manuel Caramés), con Álvaro Baños como operario de tremoia e coa colaboración especial, nesta ocasión, de Paco Campos, fichado a última hora no “mercado de inverno” para cubrir a baixa de Lalo Santos, que fixo boa a vella máxima de que a veteranía é un grao.

 

 

Teño que referirme nestas breves notas sobre a estrea de “Un desastre de defunción” á escenografía e o vestiario (Coquixo/Caramés), ambos nun branco e negro impoluto que traslada mentalmente o espectador aos ámbitos do primeiro cinema, mudo e en branco e negro, no que a xestualidade era un recurso esencial no transcorrer da historia. A iluminación (Vanesa Yáñez) está igualmente posta ao servizo dese ambiente de crime e misterio, ora o almacén das pescudas do inspector, ora o salón onde acontecen as intrigas e os asasinatos.

Desde que en 2015 “Fuga” de Jordi Galcerán os lanzara por teatros e festivais de media España, recollendo varios premios, Gargallada Teatro mantén un nivel de rigor e esixencia pouco frecuente entre os grupos amadores e iso nótase claramente nesta nova, difícil e arriscada producción que lles ha traer moitas xornadas de alegría co público, como aconteceu na súa estrea-reencontro no Barco.

Texto: Gustavo Docampo.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

Artigos relacionados

Back to top button