ConcellosGalerías de fotosÚltima hora

Un emotivo pregón abre o Cristo 2014 no Barco

Castro Voces repasou a súa relación coa vila e reivindicou a conciencia de comarca para poder afrontar os problemas de Valdeorras

Moitas vivencias son as que vencellan ao historiador Antonio Castro Voces, natural de Quereño (Rubiá) co Barco. Boa parte delas lembrábaas no pregón co que abría as Festas do Cristo na noite do 11 de setembro no Teatro Lauro Olmo da vila. “Imos interpretar a figura do pregoeiro, que canta as excelencias dun pobo e convida a participar na festa”, comezaba dicindo, para logo relatar a primeira vez que participaba nesta celebración, “acompañado dos meus pais. Viñamos no tren, traiamos a merenda, viñamos para todo o día”.

De seguido, enumeraba experiencias da xuventude, tamén dos estudos e deportivas. E entre os feitos destacados da vila que vivíu destacaba dous: a creación do que hoxe é o IES Martaguisela e “o rescate e recuperación do CD Barco”. Pero xunto co aspecto festivo, Castro Voces quixo pórlle ademais ao pregón un acento reivindicativo, incidindo nas consecuencias que ten para Valdeorras o feito de carecer de boas infraestruturas viarias. Tamén puxo sobre a mesa cuestións como a sanidade, a tan esperada autovía A-76, a falta de recoñecemento oficial para o Camiño de Inverno a Santiago, o abandono do rural… E para afrontar estas problemáticas apelou á necesidade de recuperar “a conciencia de comarca, que debe ser a trabe de ouro sobre a que cimentar o noso futuro”.

O broche do pregón estivo marcado pola poesía, acompañada de imaxes e música, co recitado de catro poemas: “Louvanza a toponimia enxebre” do valdeorrés Florencio Delgado Gurriarán (a quen lle puxo voz Lola Fernández), “Noiturno do adolescente morto” de Federico García Lorca, “Barquero del río Sil” de José Núñez de Quereño (os dous interpretados pos Pilar Alonso) e “Cuerpo Desnudo” do barquense Lauro Olmo (lido por Paco Campos).

Non faltou tampouco á invitación ao Cristo, nun pregón entrañable e emotivo, interrumpido continuamente polos aplausos, e salpicado de notas de humor e agradecementos. “Animo a participar e disfrutar destas festas, chamada que fago desde o optimismo e a alegría que me produce o estar disfrutando dun dos días máis felices da miña vida ou polo menos dos últimos anos onde ten habido de todo e máxime se entre o publico vexo as duas persoas que máis me queren e máis quero: a miña nai e a miña irmá”.

Con este acto, no que tamén actuaba o Orfeón Valdeorrés e que foi presentado por José María Rodríguez, encetábase a programación das Festas do Cristo 2014, que continuarán cun amplo abano de actos relixiosos, musicais, lúdicos e deportivos ata o vindeiro 15 de setembro.

Texto: Ángeles Rodríguez Fotos: Carlos G. Hervella
(Máis información na edición en papel do Especial Cristo do Periódico O Sil).

Artigos relacionados

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Back to top button