CulturaCulturaEntroido 2021Última hora

Un enorme mural dun Cigarrón pon “pause” ao Entroido en Verín e chama á responsabilidade

 

“A nosa responsabilidade colectiva debe poñernos en “pause” este Entroido”. Un mural xigante con esta mensaxe vén de colocarse na praza García Barbón de Verín. Deste xeito o Concello de Verín quere enviar a todos os seus veciños unha mensaxe de “esperanza, de confianza no futuro e de paciencia e contención nas presentes datas, por mor da pandemia”.

«Pause non é stop», indican desde o consistorio, «senón agardar, reservar, aplazar, postergar, demorar, prorrogar, pero en ningún caso abandonar». As circunstancias presentes aconsellan “facer da paciencia máis virtude ca nunca”, e procurar xeitos simbólicos de lembrar o noso maior patrimonio cultural, “que nestas datas ten que pasar por permanecer en pause”.

 

Foto: Concello de Verín.

 

A diferenza doutros momentos históricos, nos que a “rebeldía e a trangresión foron en si mesmas o xeito de manter vivo o Entroido”, nas presentes circunstancias “a mellor homenaxe que se lle pode facer á nosa celebración máis querida é cumplir coas normas sanitarias”, sinalan dende o Concello de Verín.

A colocación dun Cigarrón xigante na praza García Barbón, escenario central de tantas e tantas celebracións no Entroido, punto de concentración de milleiros de persoas de xeito continuado desde hoxe ata o mércores de cinsa “quere simbolizar, coa presencia da figura central do noso querido ciclo festivo, que todos estamos alí, aínda que cada un desde o noso corazón, cumprindo coa nosa responsabilidade para voltar con máis forza cando sexa posible. O entroido só está en “pause”, nunca en off”.

 

Foto: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button