EconomíaEconomíaEn portadaPizarraÚltima horaVídeos

Un especial sobre a lousa do Periódico O SIL gana o I Premio de Xornalismo do Clúster da Pizarra de Galicia

O galardón era entregado esta mañá polo presidente do Clúster, Víctor Cobo, na sede desta entidade en Sobradelo

 

Un monográfico sobre o sector da lousa realizado polo Periódico O Sil, publicado en papel en decembro de 2020, vén de facerse co I Premio de Xornalismo do Clúster da Pizarra de Galicia “Pioneiros da Lousa”. Esta mañá na sede desta entidade, situada en Sobradelo (Carballeda de Valdeorras), tiña lugar a entrega deste galardón (dotado con 1.000 euros) por parte do presidente do Clúster da Pizarra de Galicia, Víctor Cobo, a dúas xornalistas deste medio de comunicación.

O traballo distinguido, dunhas 30 páxinas, inclúe informacións diversas, reportaxes e entrevistas a cargo de diferentes firmas do xornal e con fotografías propias. Nel abórdase en profundidade a realidade deste sector, asentado no rural da Galicia interior, partindo dos pioneiros da lousa ata o momento actual, explicando as singularidades técnicas deste material, o seu proceso produtivo e a súa relevancia socioeconómica xa que crea uns 2.400 empregos directos e expórtase como produto totalmente elaborado, polo que o seu valor engadido quédase integramente no territorio galego. Este especial foi distinguido entre varios traballos que optaban a este premio por un xurado formado polos xornalistas Ainhoa Carracedo, Jorge Isla e Felipe Vieira.

Este galardón era convocado polo Clúster da Pizarra de Galicia coincidindo co XI aniversario da súa creación. “O certame pretendía seleccionar e recoñecer o mellor traballo xornalístico publicado ou emitido en prensa impresa e dixital, radio ou televisión, que difundise o valor da industria da lousa en Galicia”, sinalaba Víctor Cobo durante o acto de entrega do premio.

 

 

No caso do traballo gañador, o xurado tivo en conta que “axuda a visibilizar o sector desde diferentes puntos de vista o sector da lousa, pon en valor os seus actores clave a través de informacións e entrevistas e tamén contribúe a divulgar a importancia da lousa como palanca de emprego, tamén feminino, en Valdeorras”.

Aínda que o premio recoñece todo o suplemento, o xurado quixo destacar, en concreto, unha reportaxe protagonizada por dúas mulleres, Estíbaliz Álvarez e Sandra Carrasco, que levan 15 e 18 anos, respectivamente, desenvolvendo a súa actividade profesional no ámbito da lousa como escolledoras de material.

 

 

Agradecemento

Desde o Periódico O SIL agradecíase o recoñecemento, felicitando ao Clúster da Pizarra de Galicia pola iniciativa de convocar este premio xa que “pon en valor unha industria “tan importante para Galicia e para o conxunto de España”. Tamén agradeceron aos membros do xurado “por valorar con este premio o traballo do xornal sobre o sector da lousa, do que Valdeorras é referente mundial”, destacando ademais que este galardón coincide “co 25 aniversario” deste proxecto editorial, que nacía en outubro de 1996.

Artigos relacionados

Back to top button