CulturaCulturaEducaciónÚltima hora

Un espectáculo científico no Auditorio de Verín abre as Xornadas de Tecnoloxía do IES Xesús Taboada Chivite

A carla “De la rueda al láser” impartirase mañá, venres 21 de abril, ás 16:30h.
Cartel do espectáculo.

Mañá venres 21 de abril, o Auditorio Municipal de Verín acollerá a charla-espectáculo “De la rueda al láser”. David Ballesteros, profesor e divulgador científico especializado no mundo educativo, presenta un percorrido pola historia da humanidade e os cambios tecnolóxicos máis disruptivos, que permiten a entrada nunha nova era do coñecemento. Para dotala dun gran dinamismo, cada explicación irá acompañada con experiencias prácticas ilustrativas de gran espectacularidade.

Será o acto inaugural das XIV Xornadas de Tecnoloxía de APETEGA no IES Xesús Taboada Chivite, a cargo da empresa Ceo Aberto e patrocinado polo Concello de Verín. “Decidimos patrocinar este espectaculo tecnolóxico para que todos os verineses poidan coñecer de primeira man, e dunha maneira didáctica e divertida, moitas das tecnoloxías que poderán utilizar de maneira cotiá nun futuro próximo”, explicou o alcalde Gerardo Seoane.

Na charla analizarase a base tecnolóxica do láser e os participantes poderán probar os usos que adoitan ser descoñecidos pola poboación, tales como a análise de aceites ou a construción dun microscopio low cost. Para finalizar, os asistentes reflexionarán sobre as tecnoloxías que poderemos gozar nun futuro próximo. De forma ilustrativa, convidarase o público a xogar controlando a actividade cun lector de ondas cerebrais conectado ao seu cerebro.

Tal como explican dende o Concello, estas xornadas, que contan cun total de 120 prazas, teñen como principal obxectivo o intercambio e divulgación de experiencias didácticas dentro das aulas e de última aplicación. Para iso se organizan uns obradoiros aos que se poden inscribir profesores e que tratarán contidos sobre Programación,  Robótica,  Impresión  3D, Técnicas  didácticas  de aplicación  práctica  na  aula-obradoiro,  experiencias  innovadoras  para  a práctica docente na área, as TIC como recurso educativo, etc.

Artigos relacionados

Back to top button