OurenseÚltima hora

Un espectáculo teatral para celebrar o Día do Libro

O Concello de Ourense organiza “O corazón de Auria” para os días 23, 24 e 25 de abril nas inmediacións da Catedral
A concelleira de Cultura de Ourense, Ana Garrido, na rolda de prensa.
A concelleira de Cultura de Ourense, Ana Garrido, na rolda de prensa.

A concelleira de Cultura do Concello de Ourense, Ana Garrido, vén de presentar o espectáculo teatral “O corazón de Auria”, unha actividade baseada no pasado literario da cidade, coma o libro de Eduardo Blanco Amor “La Catedral y el niño” que se levará a cabo con motivo da celebración do Día do Libro, do 23 ao 25 de abril.

Mañá xoves día 23 ás 20h, o venres 24 ás 19h. e o sábado 25 ás 12h. e 20h. poñerase en escena esta representación que terá como punto de partida a escalinata da fachada principal da Catedral (praza de San Martiño), para continuar facendo o percorrido arredor da propia Catedral pola praza do Trigo seguindo por praza dos Suaves, encarando a rúa Juan de Austria ata a Porta norte, para dende alí volver á fachada principal.

“O corazón de Auria” concibe á Catedral coma o corazón de Ourense, centro dos seus sentimentos e tamén coma un libro no que contén a historia da cidade, por iso o templo será o protagonista deste espectáculo inédito que foi creado para a ocasión e que pretende “poñer en valor o patrimonio da cidade ao mesmo tempo que celebramos o Día Internacional do Libro” en palabras da concelleira de Cultura.

Presentación do espectáculo teatral "O corazón de Auria".
Presentación do espectáculo teatral “O corazón de Auria”.

Os personaxes da historia, escrita polo dramaturgo Fernando Pedrido, e dirixida polo ourensán Tito Asorey, son Perfeuto, un guía novato estudoso da historia e influenciado polo racionalismo; Manoel, un intuitivo músico; e Eliana, unha invidente. A través dun conflito entre o material e o espiritual, os tres guiarán ao público pola historia e polos distintos escenarios.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button