En portadaGalerías de fotosÚltima hora

Un estudo aposta por reforzar a cooperación entre Galicia e Portugal para previr incendios forestais e loitar contra eles

Está promovido polo Eixo Atlántico e foi coordinado polo director da Escola de Enxeñería Forestal da Universidade de Vigo, Juan Picos

Constitúe unha zona de alta riqueza forestal, pero tamén sufre ao ano milleiros de incendios. A área transfronteiriza de Galicia e o norte de Portugal abrangue 105 concellos e municipios, un millón de hectáreas de superficie (con case 200.000 has de parques naturais) e 1,5 millóns de habitantes. Partindo desta realidade e co fin de identificar oportunidades de colaboración que permitan desenvolver un traballo máis efectivo na loita contra os incendios vén de elaborarse o estudo “Cooperación transfronteiriza na prevención e extincións de incendios forestais no Eixo Atlántico”.

Este traballo, promovido polo Eixo Atlántico, presentábase na mañá do 17 de outubro na sede desta entidade en Vigo. O acto contaba coa presenza do coordinador do informe, Juan Picos, director da Escola de Enxeñería Forestal da Universidade de Vigo; do alcalde do Barco e presidente do Eixo Atlántico e da Fegamp, Alfredo García; e de Xoán Vázquez Mao, secretario xeral do Eixo.

“Esta é a primeira vez que un informe para os gobernos, tanto nacionais como de comunidades autónomas, faise dende a base dos concellos, que tomamos a decisión de analizar o problema dos incendios forestais. Acometeuse este estudo que contén un conxunto de propostas contra esta praga contra o medio ambiente, as persoas e os bens”, comezaba dicindo na presentación Xoán Vázquez Mao.

De seguido, Picos afondada nos contidos deste traballo, realizado conxuntamente co inspector xefe de área forestal da Generalitat de Cataluña, Marc Castelnou, e co coordinador técnico do Grupo de Análise e Uso do Fogo e do Grupo de Especialistas de Fogo Controlado da Autoridade Florestal Nacional portuguesa, Antonio Salgueiro. Nel faise fincapé na “necesaria cooperación” entre diferentes administracións e axentes a ambos lados da raia, co propósito de desenvolver iniciativas “que permitan enfrontar, nas mellores condicións, esta ameaza constituída polos grandes lumes forestais, normalmente asociados a condicións meteorolóxicas extremas e de difícil control na emerxencia”.

Ademais este experto comentaba que a base deste informe parte do acordo tomado no pasado mes de xuño pola Comisión Mixta Hispano-Portuguesa de Protección Civil para establecer unha franxa de 25 quilómetros a cada lado da fronteira como unha área para “o socorro mutuo no primeiro ataque en caso de lumes forestais”. Esta franxa é unha área, subliñaba Picos, que configura “un territorio cunha entidade relevante” e “para ter idea do que supón basta indicar que habería unhas oito comunidades españolas con menor territorio e outras oito con menor poboación”. E ademais é un territorio “cunha alta concentración de incendios forestais”.

 

 

Portada deste informe.

 

Neste traballo avógase por unha “estratexia conxunta” entre Galicia e Portugal para facer fronte aos lumes forestais. “A idea é aproveitar esa oportunidade e que non sexa só un territorio de actuación de emerxencia, senón con políticas máis amplas, incluíndo a prevención, a pre-emerxencia e a formación”, indicaba o seu coordinador. Este documento conclúe cunha serie de propostas ou “oportunidades de cooperación en prevención, en vixilancia e detección, en extinción, en protección de persoas e bens e tamén en formación, entre outras recomendacións”.

Finalmente, o presidente do Eixo Atlántico, Alfredo García, incidía na importancia que ten para os concellos a cuestión das emerxencias, “é un tema complexo e que nos preocupa, por iso a cooperación transfronteiriza en emerxencias pareceunos fundamental”. Sinalaba tamén que se trata dun problema, pero tamén “ten moitas oportunidades e temos que poñelas en marcha”. E concluía apuntando que “este traballo ten que servir como documento de reflexión para que todo o mundo empece a traballar de maneira adecuada neste tema”.

 

Fotos cedidas polo Eixo Atlántico.

Artigos relacionados

Back to top button