ConcellosO BarcoÚltima hora

Un estudo determinará en que puntos entra auga limpa á rede de saneamento do Barco

Está en en licitación o contrato para a elaboración deste traballo xunto coa redacción do proxecto construtivo para solucionar a problemática, por importe de 103.088 €

Vista do Barco./ Foto: A.R.

 

Solucionar o problema de entrada incontrolada de auga limpa á rede de saneamento que verte á Estación Depuradora de Auga Residual (EDAR) do Barco. Este é o obxectivo dun estudo que realizará a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), a petición do Concello do Barco.

Neste documento definiranse e valorarán as alternativas para solucionar esta problemática e redactarase o correspondente proxecto construtivo que defina aquela das alternativas que resulte ser máis adecuada, incluíndo, ademais, posibles melloras operativas na planta depuradora. “Esta entrada incontrolada de auga limpa na rede de saneamento municipal provoca o mal funcionamento da planta depuradora, ao recibir grandes caudais que dificultan o proceso de depuración coa consecuente vertedura de substancias contaminantes ao río Sil”, explican dende a CHMS.

Actualmente atópase en licitación o contrato para a elaboración do estudo da rede e a redacción do proxecto construtivo, por importe de 103.088 €; o pasado venres, 2 de xullo, finalizou o prazo para presentación de ofertas.

“Este é un feito importante para o Concello do Barco, xa o sabe a Corporación porque lles estiven informando puntualmente deste traballo que se estaba facendo. Primeiro fíxose unha valoración dende o Consorcio de Augas de Valdeorras dos lugares onde pensabamos que podía estar entrada da auga porque a verdade é que nos chega moita auga limpa á depuradora e iso termina sendo un problema, primeiro pola cantidade e, segundo, porque a auga limpa faille dano, estorba na depuración, mata as bacterias e, polo tanto, a eficacia é menor. Estivemos barallando varias posibilidades e, finalmente, os enxeñeiros de confederación optaron por sacar un concurso para que se fixera un estudo pormenorizado de todas as tuberías para ver exactamente en que puntos entra auga”, sinala o alcalde do Barco, Alfredo García.

“A partir de aí”, continúa o rexedor, “cando teñamos o diagnóstico exacto a mesma empresa adxudicatoria redactará un proxecto de execución xa para resolvelo e aí veremos cal é a solución. Polo tanto, satisfacción dende o Concello porque é unha obra importante”.

Polo tanto, unha vez culmine o proceso de licitación, a empresa que resulta adxudicataria disporá de 8 meses para a realización destes traballos. A partir deste intre, a CHMS e o Concello do Barco subscribirán un convenio de colaboración que posibilitará a execución das obras necesarias para solucionar a problemática de verteduras recorrentes no Sil.

Artigos relacionados

Back to top button