SanidadeÚltima hora

Un familiar dunha persoa ingresada no Hospital do Barco agrade a un médico

UXT, que facía pública esta agresión, pide que o Sergas lle "dea unha solución integral aos problemas do centro", entre eles á situación dos gardas de seguridade. Dende a Área Sanitaria amosan o seu apoio ao profesional afectado e din que "non é de recibo mesturar esta lamentable situación cunha reclamación laboral"

Exterior do Hospital Público de Valdeorras, no Barco./ Foto: A.R.

 

Dende a sección sindical de UXT no Hospital Público de Valdeorras emitíase esta mañá unha nota de prensa informando da agresión a un médico deste centro sanitario. “Onte, pola maña, non tiñamos Garda de Seguridade porque a cadro de persoal de Gardas está reducida por mor das IT dalgún dos seus integrantes. Como a empresa que ten contratada o Sergas está en quebra, non lle paga as nóminas aos traballadores están sen cubrir as baixas dos traballadores. E a isto súmase  que, como xa denunciamos no seu momento, que os Servizos do HPV están baixo mínimos. Con este panorama, sen garda de seguridade pasou o que non debera de pasar nunca. Esa mañá un profesional do HPV foi agredido por un familiar dun ingresado”.

Dende UXT tamén se asegura que ao non haber gardas, “ninguén se personou nu lugar para asegurar que non pasara o que desgrazadamente se produciu. Foi avisada a Garda Civil, que chegou cando chegou, xa consumada a agresión e sen tomar ningunha medida contra a agresora”

Este sindicato tamén confía quen isto “non volva a suceder, e que os cidadáns sexan conscientes de que os/as traballadores/as non son os responsables da mala xestión dos responsables do Sergas, nin de que por falla de profesionais, se demoren as consultas, as visitas os ingresados, a demora na atención urxente e que comprendan que a información telefónica non se pode dar por mor da protección de datos do paciente”.

Ademais UXT reclmámalle ao Sergas que “lle dea unha solución integral aos problemas da sanidade no Distrito de Valdeorras”.

A Área Sanitaria Ourensá: “A presenza ou non dun garda de seguridade non tería impedido a agresión”

Pola súa banda, a Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco confirma se producía a citada agresión a un profesión do hospital barquense. “Onte a filla dun paciente ingresado agredíu ao médico que o está a tratar. Ante elo, aplicouse o procedemento establecido no Servizo Galego de Saúde, ante unha agresión a un profesional, dándose aviso á Garda Civil, que acudíu ao centro. Lamentablemente a presenza ou non dun garda de seguridade non tería impedido a agresión, como parece se quere trasladar”.

Tanto desde a dirección do Hospital Público de Valdeorras como da Área Sanitaria queren “facer público o apoio ao profesional agredido e a repulsa ante a agresión a un profesional sanitario no exercicio das súas funcións. Nada, nada xustifica ou desculpa unha agresión”.

Dende o Sergas tamén aseguran que “non é de recibo mesturar esta lamentable situación cunha reclamación laboral, da que os seus interesados están perfectamente informados e contan co apoio desta xerencia para facer valer os seus dereitos fronte a empresa adxudicataria do servizo, como periodicamente se esta informando”.

Artigos relacionados

Back to top button