DeportesGalerías de fotosÚltima hora

Un fermoso percorrido pola Rúa da man do Club Jabalíes da BTT

Uns 200 ciclistas e andarines participaban nesta edición da ruta con saída e meta no Aguillón

Dúas rutas en bicicleta de montaña (unha longa de 42 quilómetros e outra curta de 33) e unha andaina (duns 10 quilómetros). Eran as opcións que o Club Jabalíes da Rúa ofrecían na VI Ruta BTT, a edición na que despois de dous anos, regresaban a casa.

E facíano ao grande, cuns douscentos participantes nas tres modalidades que na mañá do domingo 9 de xullo tomaban a saída dende o Aguillón, diante do pavillón de deportes rues. Os andarines saían rumbo ao centro do pobo pasando pola zona das piscinas e atravesando a praza Galicia; os ciclistas pola súa banda, bordeaban o río pola Chopeira rumbo á Reza, antes de saír ao campo de San Roque e de aí comezar o ascenso que os levou a percorrer boa parte dos montes rueses, pasando por practicamente todos os núcleos de poboación (Fontei, Somoza, Vilela, San Xulián,…). “A ruta foi espectacular, das mellores que levamos feito”, asegura o presidente do club, Santiago Pimentel, visiblemente satisfeito co resultado do traballo que levan realizando dende hai meses para limpar e abrir vellos sendeiros, ata o momento esquecidos.

Xa de regreso ao pavillón, os asistentes chegados dende diferentes puntos da comarca de Valdeorras (A Rúa e O Barco maioritariamente), El Bierzo, Monforte de Lemos, Lugo e incluso Bilbao, compartiron un xantar para repoñer forzas.

A seguinte cita para Os Jabalíes será a ruta que organizarán no concello de Larouco que xa ten data: o 3 de setembro.

Fotos: Carlos G. Hervella/ Mónica G. Bellver

Artigos relacionados

Back to top button