ConcellosOurenseSen categorizar

Un foco de devoción na cidade

Novena na honra a Nosa Señora Fátima do 4 ao 13 de maio, en Ourense
Procesión da Virxe de Fátima na cidade de Ourense./ Foto: Carlos G. Hervella
Procesión da Virxe de Fátima na cidade de Ourense./ Foto: Carlos G. Hervella

O 13 de maio de 1962 inaugurábase oficialmente o Santuario de Nosa Señora de Fátima de Ourense, ubicado en pleno barrio do Couto, contando coa presenza de diversos Cardenais e Bispos, e dende entón sucédense as novenas e procesións anuais “que fan que o templo quede pequeno para a gran cantidade de fieis que acuden diariamente” aseguran dende a parroquia.

Así, como cada ano dende hai máis de cincuenta, o templo acollerá entre o 4 e o 13 de maio, a novena de Fátima cun completo e variado programa de cultos especiais. A programación arrancará o día 4 de maio coas misas nos horarios especiais dos domingos ás 8, 9, 10, 11, 12 (radiada) e 13:15h. Xa pola tarde, ás 18, 19 e 20:45h. nesta última peregrinan e preparan a celebración as cáritas parroquiais, misións e mans unidas.

O luns día 5 de maio, haberá misas nos horarios dos días laborables (7:15, 8, 8:45, 9:30, 10:15, 12, 18 e 19h. esta será radiada). Ás 20:45h. peregrinan e preparan a celebración os cursillistas da cristiandade.

O martes día 6 e o mércores día 7 repetirase o esquema do luns: misas segundo o horario laborable e na última da tarde, ás 20:45h. peregrinan e preparan a eucaristía os catequistas e profesores cristiáns o martes; e a parroquia de Santiago de Caldas-A Ponte o mércores.

O xoves día 8 de maio, ademais das misas de diario, ás 20h. haberá oración dos xoves e 45 minutos máis tarde, a última eucaristía do día estará preparada polos seminaristas dos Seminarios Maior e Menor.

O venres día 9 de maio haberá a maiores dúas celebracións penitenciais comunitarias: unha pola mañá ás dez e cuarto e a outra pola tarde ás nove menos cuarto.

O sábado día 10 ás 12h. terá lugar a misa e homenaxe das viúvas, ás 18h. a misa harmonizada pola Coral da Asociación de Veciños Couto Ceibe, e ás 20:45h. a preparada pola parroquia de Santa Mariña de Xinzo.

O domingo 11 de maio será un día importante na parroquia. A misa das 12h. será radiada, a das 18h. harmonizada pola Coral Coren e a das 19h. organizada pola Hospitalidade de Lourdes. Na última misa, ás 20:45h. haberá homenaxe aos matrimonios con ofrenda floral por parte daqueles que celebran as vodas de ouro e prata.

O luns 12 de maio, véspera de Fátima, tamén haberá varias eucaristías. Á parte das correntes en horario laborable, ás 9:30h. celebrarase unha polos cofrades difuntos. Ás 16h. haberá unha ofrenda floral das nais, e ás 19h. peregrina e prepara a celebración a parroquia de San Cibrao do Carballiño.

E así chegamos ao día grande da celebración, o luns 13 de maio, con misas como os días laborables e tamén ás 11h. A tradicional procesión de antorchas comezará ás 22:45h, percorrendo as rúas da cidade ata a Catedral onde terá lugar a misa a medianoite, presidida polo Sr. Bispo. Como de costume, os asistentes portarán transistores para participar mellor nos cánticos e rezos que se emitan dende o Santuario ao que regresará a comitiva trala misa.

O predicador da novena este ano será D. Carlos González Prieto, director da COF e párroco de Santa María de Xunqueira de Espadanedo.

Artigos relacionados

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Back to top button