ConcellosFolgoso de CaurelMonforte de LemosÚltima hora

Un incendio forestal en Meiraos (Folgoso do Courel) afecta a unhas 200 hectáreas

O lume de Marcelle (Monforte de Lemos) está controlado e o de Randín (Calvos de Randín) quedou extinguido

Publicidade

 

Incendio en Meiraos (Folgoso do Courel)./ Foto: Brif Marroxo.

 

A Consellería de Medio Rural vén de informar de que se solicita a desactivación da Situación 2 como medida preventiva no incendio rexistrado no concello lugués de Folgoso do Courel, parroquia de Meiraos. Actívabase esta madrugada debido á proximidade do lume ao lugar de Portela, parroquia de Gundriz, no concello limítrofe de Samos. Agora pedíase a súa desactivación “ao non haber perigo para os núcleos de poboación”, indica a consellería.

O lume iniciábase ás 23,43 h. da pasada noite e permanece activo arestora. Segundo as últimas estimacións, a superficie afectada é dunhas 200 hectáreas, segundo a última actualización de Medio Rural. No lugar traballan 2 axentes, 8 brigadas, 4 motobombas e 1 pa.

Outros dous lumes activos en Galicia

Está ademais activo un lume no concello pontevedrés de Cerdedo-Cotobade, parroquia de San Xurxo de Sacos tras comezar ás 23,56 h. da pasada noite. Segundo as últimas estimacións, a superficie afectada supera as 40 hectáreas. No seu control están participando 4 axentes, 5 brigadas e 3 motobombas.

Tamén está activo o lume rexistrado no concello pontevedrés de Rodeiro, parroquia de Pedroso, tras comezar ás 23,40 h. da pasada noite. Segundo as últimas medicións, a superficie afectada supera as 40 hectáreas. No lugar traballan no seu control 1 técnico, 2 axentes, 3 brigadas e 3 motobombas.

 

Labores de extinción no incendio de Marcelle (Monforte de Lemos)./ Foto: Brif Laza.

 

 

Controlado o incendio de Marcelle (Monforte de Lemos)

Dende ás 5,50 h. desta madrugada está controlado o lume rexistrado no concello lugués de Monforte de Lemos, parroquia de Marcelle, tras comezar onte ás 13,53 h. Tras unha nova medición, a superficie afectada é de 38 hectáreas, das cales 30 son arboradas e 8 de monte raso. Na súa extinción levan participado 1 técnico, 6 axentes, 15 brigadas, 7 motobombas, 1 pa, 7 helicópteros e 4 avións.

Extinguido o incendio de Randín (Calvos de Randín)

O lume rexistrado con catro focos no concello de Calvos de Randín, parroquia de Randín, quedou extinguido ás 23,58 h. da pasada noite, tras comezar ás 21,20h. Segundo as últimas estimacións, a superficie afectada foi de 0,8 hectáreas dentro do Parque Natural da Baixa Limia-Serra do Xurés, das cales 0,1 foron arboradas e 0,7 de monte raso. Neste lume participaron 2 axentes, 3 brigadas e 3 motobombas.

 

Artigos relacionados

Back to top button