CulturaCulturaÚltima hora

Un libro de fotografías do GDR Sil-Bibei-Navea pon en valor os recursos deste territorio

A publicación conta con 142 imaxes inéditas, do fotógrafo Adolfo Enríquez, para a promoción do patrimonio natural e cultural dos 10 municipios deste grupo de desenvolvemento rural

Publicidade
Presentación do libro.

 

“GDR Sil-Bibei-Navea” é o título dun libro fotográfico, con imaxes de Adolfo Enriquez, que se presentaba o 14 de decembro na sede do Inorde en Ourense. Trátase dunha publicación, realizada por encargo do Grupo de Desenvolvemento Rural-GDR (que conforman os concellos de Castro Caldelas, Montederramo, Parada de Sil, A Teixeira, Chandrexa de Queixa, Manzaneda, Pobra de Trives, San Xoán de Río, Viana do Bolo e Vilariño de Conso), que constitúe “un reflexo do inmenso patrimonio natural e cultural deste destino de interior”, tal e como se destaca dende esta entidade.

O acto contaba coa participación do presidente do GDR, Francisco Magide, así como do presidente do Agrupación industrial Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal; a xerente do Inorde, Emma González, e o fotógrafo Adolfo Enríquez. Os catro amosaban a súa satisfacción cun proxecto que busca “difundir e poñer en valor un territorio de espectaculares recursos naturais e enogastronómicos, exemplo de turismo sostible e que é aínda un gran descoñecido para moitos visitantes, tanto de dentro como de fóra de Galicia”.

Francisco Magide destacaba que este libro pretende “non só ser unha ferramenta para a promoción turística a través da inmensa beleza deste territorio de interior, senón tamén atraer novas iniciativas e investimentos coas posibilidades que o rural ofrece hoxe en día: lecer, deporte, aventura e mesmo funcións terapéuticas e de relax”.

Pola suá banda, Cesáreo Pardal comentaba a gran oportunidade que supón a chegada do AVE a Ourense para atraer a un turismo de calidade cunha oferta de interior que ten na paisaxe, a gastronomía e o enoturismo os seus principais recursos.

O libro “GDR Sil-Bibei-Navea” constitúe unha nova incursión do fotógrafo Adolfo Enríquez na reportaxe paisaxística e na promoción turística de Galicia, tras o libro e a exposición “150 lugares para coñecer Galicia”.

A primeira edición do libro fotográfico ‘ GDR Sil- Bibei- Navea’ sae cunha tiraxe de 1.000 exemplares, que serán postos ao dispor dos concellos para sumar nas súas iniciativas de promoción turística.

Artigos relacionados

Back to top button