EconomíaEconomíaÚltima hora

Un mel monofloral de castiñeiro de Trives, entre os mellores de Galicia

Esta mañá entregábanse os premios da XX Cata dos Meles de Galicia en Boqueixón

Esta mañá tiña lugar o acto de entrega dos premios da XXIV Cata dos Queixos e da XX Cata dos Meles de Galicia, un certame no que resultaba distinguido un mel trivés. No acto participaba o conselleiro do Medio Rural, José González, que estivo acompañado polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos.

O titular de Medio Rural poñía aos produtos distinguidos como exemplo de que Galicia é etiqueta Calidade, en alusión á nova campaña da Xunta para divulgar o bo facer da xente do mar e do agro que se deu a coñecer onte mesmo, tamén no marco da I Mostra de Calidade Alimentaria que se clausurará esta tarde no Pazo de Quián, no concello coruñés de Boqueixón.

Na súa intervención, o titular de Medio Rural sinalou que “o mel é o acompañante perfecto do queixo, dous alimentos tan senlleiros como saborosos, que merecen un recoñecemento polo traballo realizado a prol da diferenciación, da singularidade e da calidade”. Ademais felicitaba aos gañadores (entre os que estaba o mel de castiñeiro de Labrega Mel de Trives, que recibía o bronce categoría de monofloral) “polo seu saber facer e pola súa profesionalidade” e agradecíalles o seu labor de dinamización no rural.

 

 

As Catas dos Queixos e dos Meles 2021 están organizadas pola Xunta en colaboración cos diferentes consellos reguladores da indicación xeográfica protexida Mel de Galicia e das catro denominacións queixeiras de Tetilla, Arzúa-Ulloa, San Simón da Costa e Cebreiro. Nesta edición do certame se presentaron 51 mostras de 30 queixerías e outros 43 rexistros de 25 industrias de mel galego.

Come atlántico

A I Mostra de Calidade Alimentaria clausurarase esta tarde co evento Come atlántico, que dará comezo ás 16,30 h. Así, a esa hora terá lugar unha conferencia sobre as fortalezas da Dieta Atlántica, a súa adaptabilidade ás diferentes necesidades nutritivas e o seu futuro dentro da promoción dos produtos de calidade alimentaria de Galicia.

Posteriormente, ás 17,30 horas, está prevista unha degustación de produtos con acompañamento musical para os asistentes.

Artigos relacionados

Back to top button