OurenseÚltima hora

Un mes de actividades no Seixalbo Cultural 2018 que arranca hoxe

O programa estenderase ata o 7 de outubro co concerto do grupo Cantigas de Seixo
Cartel do Seixalbo Cultural 2018.

Da man da Asociación Veciñal San Breixo, Seixalbo (Ourense) recibe un ano máis, e xa van 31, ao outono cunha apretada axenda de actividades que malia nacer como Semana Cultural aumentou a un mes e desenvólvese dende hoxe ata o 7 de outubro.

O pistoletazo de saída será esta tarde (20:15h.) coa presentación pública da programación no local da Asociación. Un acto que incluirá un recital poético a cargo da poeta ourensá Rochi Nóvoa, acompañada musicalmente de Puntxa e Dani Soldevilla, e do poeta local Manuel Herminio Iglesias co fondo musical de Daniel I. Losada.

Entre os pratos fortes da programación, atópase a clásica viaxe cultural, nesta ocasión con visitas guiadas á Illa de San Simón e á Vila Romana de Toralla. Ademais haberá xornadas de convivencia intercultural en colaboración co colectivo migrante do Programa Teranga da Fundación Juan Soñador, e de convivencia veciñal, cun obradoiro infantil de repostería e unha cata-exposición de repostería tradicional elaboradas polas familias de Seixalbo.

Tamén destaca un ano máis á representación teatral dunha obra adaptada e interpretada por actores locais, cunha coreografía de bailarinas tamén da localidade. Neste caso, trátase dunha recreación do Mundo de Oz,  no Auditorio de Penouzos.

A clausura do Seixalbo Cultural 2018 será xa en outubro cun concerto do grupo local Cantigas de Seixo na Igrexa de San Breixo.

 

Artigos relacionados

Back to top button