OurenseÚltima hora

Un mes de prazo para analizar un cambio no sistema dos consorcios provinciais de bombeiros

O vicepresidente da Xunta mantiña un encontro cos presidentes provinciais para analizar esta cuestión
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, no encontro cos  presidentes das catro deputacións de Galicia.
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, no encontro cos presidentes das catro deputacións de Galicia.

A situación dos consorcios provinciais de bombeiros era o asunto central dunha reunión que mantiña o 12 de xaneiro o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, cos presidentes das catro deputacións provinciais galegas: Valentín González da Coruña, Darío Campos de Lugo, José Manuel Baltar de Ourense e Carmela Silva de Pontevedra. Nela acordaban darse o prazo dun mes para analizar a viabilidade dun cambio de sistema na prestación do servizo.

Na súa comparecencia ante os medios, Alfonso Rueda destacaba que a Xunta está disposta a estudar a posibilidade de pasar de indirecta a directa a xestión dos parques comarcais de bombeiros e recordou que esta cuestión xa se tiña plantexado noutras ocasións con anterioridade, concluíndose entón que non era unha opción viable e que o sistema actual era o máis acaído.

Tanto Xunta como Deputacións coincidían en que o actual servizo de extinción de incendios e salvamento funcionou ben e foi moi positivo, aínda que tamén consideraron que aínda se pode seguir avanzando. Así, unha vez se decida se se mantén o actual sistema ou se cambia, Xunta e Deputacións abordarán novos avances no modelo para completar o mapa de emerxencias e dotar de recursos que permitan completar de xeito satisfactorio o servizo na totalidade da comunidade galega.

Pola súa banda, o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, valoraba positivamente “a dispoñibilidade da Xunta para abordar conxuntamente o dispositivo de emerxencias”. Tamén resaltaba que estamos “en plena fase de constitución do Consorcio Provincial contra Incendios de Ourense” e que neste ano “deberá entrar en funcionamento o parque do Carballiño”.

Actualmente, hai en Galicia 24 parques comarcais de bombeiros (aos que se sumará este ano un máis no Carballiño), espallados por toda Galicia e organizados en torno a consorcios provinciais, nos que participan a Xunta e as distintas Deputacións. No eido das emerxencias, Administración autonómica, entes provincias e tamén os concellos colaboran así mesmo no mantemento dos Grupos de Emerxencia Supramunicipal, que recentemente veñen de ser renovados por outros tres anos.

Artigos relacionados

Back to top button