CulturaCulturaEducaciónGalerías de fotosÚltima hora

Un mosaico de milleiros de azulexos vai cobrando forma no IES Lauro Olmo do Barco

Nesta iniciativa, coordinada polo artista valdeorrés Chere, colabora o alumnado do centro que vai pasando por turnos para traballar no mural

Milleiros de anacos de azulexos de multitude de cores van dando forma sobre a fachada do IES Lauro Olmo do Barco a rostros, animais, corazóns… Dende primeira hora da mañá do 30 de abril os alumnos deste centro, da man do artista valdeorrés Gerardo Rodríguez Ramos “Chere” e seguindo tamén as indicacións do seu irmán, Manuel, están a elaborar un sorprendente e colorista mosaico no exterior deste centro de ensino.

Son máis de 20 metros de parede os que se cubrirán ao longo desta xornada co traballo colectivo do alumnado do centro (dende 1º da ESO ata Bacharelato) que vai pasando por turnos para deixar a súa aportación neste traballo colectivo, creativo, educativo e sobre todo, moi moi divertido.

O debuxo, inspirado en Maruja Mallo, foi trazado sobre a parede por Chere, pero despois a escolla das pezas, a súa colocación e as cores que van en cada lugar é obra directa dos rapaces. A participación neste mural está aberta tamén aos veciños e, de feito, había xa pola mañá quen se animaba a pegar os anaquiños de azulexo. Tamén a concelleira de Cultura do Barco, Margarida Pizcueta, se achegaba ata o instituto para ver a evolución deste singular e fermoso mosaico, o primeiro deste tipo que Chere realiza na súa Valdeorras natal.

Fotos: A.R.

 

Artigos relacionados

Back to top button