En portadaGalerías de fotosÚltima hora

Un multitudinario e animado pregón abre a XIX Festa do Botelo do Barco

O humorista lucense Roberto Vilar fixo unha actuación breve e cargado de chistes e anécdotas

A música de Los Íñigos abría e pechaba a gala do pregón que marcaba o inicio do día grande do Botelo, na mañá do 19 de xaneiro. Con Roberto Vilar, humorista e presentador da TVG como convidado de excepción, era moita a expectación que espertaba este ano o acto e antes de que abriran as portas do Teatro Lauro Olmo, a xente xa facía cola para entrar.

Unha vez no interior, o patio de butacas quedou pequeno para acoller ao público que non quixo perder a oportunidade de ver en directo ao presentador do Land Rober Tunai Show, que chegaba ao Barco con certo retraso sobre a obra prevista. Con todo, a primeira en facer acto de presenza no teatro era Fátima Delgado, a poetisa barquense encargada de conducir o acto, que ía quentando o ambiente antes de dar paso ao apartado musical da man do grupo de versións “que chega do pasado, concretamente dos anos 60 para animar a festa”, dixo a presentadora.

Despois de catro temas entre os que non faltaron Cuéntame como te ha ido e Chica Ye-Yé, chegaba o momento da mención de honra desta edición da Festa do Botelo, que foi para o Restaurante Fernando III. O encargado de recollela foi Guillermo García López, pero ao fronte do emblemático establecemento de hostalaría que leva 30 anos dando de comer á poboación barquense, están tres irmáns, o propio Guillermo, Ramiro e Manolo, criados trala barra dun bar que os seus pais abriron na súa casa de Pombriego (Léon). O Fernando III comezou sendo un café bar, ata que os tres irmáns, despois de pasar por Madrid, decidían asentarse no Barco collendo o traspaso e converténdoo en restaurante. Un local que, ao longo dos anos se converteu en todo un referente, dentro e fóra da vila.

 

Guilermo García, do Fernando III, recollendo a mención.

 

A concelleira de Cultura Margarida Pizcueta e o alcalde do Barco Alfredo García eran os encargados de entregar a Guillermo a mención, a estatua que por primeira vez na historia da Festa do Botelo, cambiou de deseño e de artista. Trátase da figura dunha muller cun botelo na cabeza, creada polo valdeorrés Roi Domínguez “unha homenaxe ás nais e avoas, ás cociñeiras, creada co fin de transmitir calma e agarimo pero tamén fortaleza e poder”, en palabras da presentadora. A concelleira, pola súa banda asegurou que o artista “soubo plasmar a esencia da mención, o que nos queríamos transmitir”, engadindo que esta foi a primeira figura “de moitas máis que repartiremos, tantas como edicións da Festa do Botelo quendan por diante”. O responsable do Fernando III pola súa banda, deu as grazas ao Concello por pensar neles e por poñer tanto empeño en que o a festa sexa un éxito, asegurando que o botelo está incluído no seu menú do día. “O ano pasado xa tivemos moita xente pero este ano levamos completos xa dez días”, dixo satisfeito.

 

Roberto Vilar durante a súa intervención.

 

E trala mención viña o prato forte da mañá, a chegada do pregoeiro que coa estudada improvisación que o caracteriza fixo rir aos asistentes. Vilar comezou a súa intervención disculpándose pola tardanza, asegurando que “calculei mal o tempo, saín ás seis e media pero como veño de Santiago non me chegou”, deixando caer críticas sobre o estado da estrada. Tamén falou da súa propia infancia, crecendo nun ambiente de humor familiar que o levou a vivir da comedia; e entre medias, ía metendo datos sobre o Barco (nomeando de corrido aos xogadores do equipo de fútbol que compite en terceira división) e da súa predilección pola comida tradicional “feita coas mans”, como o botelo. Entre risas e diálogos co propio alcalde, sentado en primeira fila, Roberto Vilar aseguraba que “unha das cousas importantes que teñen que facer os gobernantes é festa e carallada”, reivindicando a comedia, a comida e a bebida “por riba de todo” e asegurando que O Barco ten moita sorte de desfrutar dunha celebración como esta. “Despois de 19 edicións pode parecer normal que todo un pobo, e grande como este, saía a celebrar xunto unha festa, pero non é tan normal”, dixo a modo de despedida.

Malia o día, chuvioso e frío, unhas 2.000 persoas degustarán hoxe botelo. A maioría no pavillón de Calabagueiros, no xantar oficial, e o resto nos 9 restaurantes que o ofrecen no menú do día. Pola tarde a festa continúa cos cantos de taberna polos bares da vila.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button