ConcellosQuirogaÚltima hora

Un operario cae cunha escavadora por un desnivel en Quiroga

 

Na tarde deste mércores 7 de abril producíase un accidente laboral no termo municipal de Quiroga (Lugo). O 112 Galicia recibía en torno ás 16:30 horas a chamada dun particular alertando de que un operario caera cunha escavadora por un desnivel duns trinta metros nunha canteira situada en Vilarbacú.

Deseguido o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias alertaba ao 061 e ao Servizo de Gardacostas de Galicia, que mobilizaron senllos helicópteros de rescate, unha aeronave medicalizada e o Pesca II. Tal como informan dende o 112, o lugar onde se atopa o home “é unha zona de moi difícil acceso e, segundo os datos facilitados polos axentes da Garda Civil, arestora, membros dos equipos de emerxencia desprazados conseguiron chegar ata el por terra, aínda que a súa situación complica a evacuación ata unha zona superior”.

Dende Emerxencias 112 Galicia tamén solicitaron a intervención dos Bombeiros de Monforte, da Garda Civil, da Policía Local, do GES de Quiroga e da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil da localidade lucense.

Tal como explican dende o Concello de Quiroga, o traballador saíu despedido da máquina coa que traballaba e que “quedou  esnaquizada non fondo do barranco cen metros máis abaixo”.

A inestabilidade do terreo dificultou o operativo que se prolongou durante máis de tres horas ata que foi posible rescatar ao ferido que foi trasladado en helicóptero ata ou hospital de Lugo, segundo datos do Concello.

Artigos relacionados

Back to top button