CulturaCulturaEducaciónGalerías de fotosÚltima hora

Un orixinal belén realizado polos alumnos dá a benvida ao Nadal no Colexio Plurilingüe Divina Pastora

O nacemento está realizado con material reciclado baixo o lema deste curso “Sorrí á vida”

Dende envoltorios de madalenas, paus de xeados ou cintas de cores, ata chapas, corchos ou bolas de porexpán. Todo se pode aproveitar e xuntos poden facerse cousas maravillosas. Son dúas leccións que quedaron ben aprendidas estes días no Colexio Plurilingüe Divina Pastora do Barco de Valdeorras, que se atopa inmerso na semana previa ao Nadal.

Para dar a benvida a estas importantes datas, alumnos e profesores (coa colaboración das familias que aportaron materiais) realizaban o tradicional belén na entrada do centro, pero cun novo enfoque. Querían darlle un xiro baixo o lema deste curso “Sorrí á vida”, intimamente relacionado co coidado do medio ambiente “aproveitando a ocasión para potenciar aínda máis o labor que estamos levando a cabo no centro en torno á reciclaxe”, explican dende o centro. E non é para menos xa que todas e cada unha das figuras e elementos do belén foron elaboradas, con materias reciclados, polos alumnos partindo da estratexia de traballo cooperativo. “Unha vez máis, o traballo coordinado entre todos, dende Educación Infantil ata a ESO demostrou que xuntos podemos conseguir grandes resultados. Todos demostramos ser importantes e pezas clave no noso puzzle e por tanto para o noso nacemento”, din orgullosos dende o Divina Pastora.

Por grupos, os alumnos de 6º foron os encargados de facer as casas con caixas de cartón pintado e plástico reciclado; os de 2º da ESO, as zonas de auga e a estrutura do nacemento con paus de xeado; os de 4º, os anxos con bolas de porexpán, palillos e papeis de madalenas; os de 1º, as estrelas con rollos de papel pintado con purpurina; os de 2º, os cordeiriños con rollos de papel hixiénico e bolas de algodón; os de 3º, os pastores; e os de 1º da ESO, o Castelo de Herodes e os soldados, empregando anacos de teas e cáscaras de noces para os cascos. Os de Infantil foron os encargados do mural posterior con montañas de corcho e estrelas de chapas. E todo xunto deu como resultado un orixinal e simpático belén que poderá visitarse en horario de mañá e tarde ata o venres 21 de decembro.

Ese día o colexio cerrará por vacacións, pero antes os alumnos terán os tradicionais festivais de panxoliñas por cursos (dentro e fóra do centro), a eucaristía de Nadal e as visitas de Papá Noel e os Reis Magos.

Fotos: Mónica G. Bellver.

Artigos relacionados

Back to top button