ConcellosÚltima hora

Un paso máis contra as barreiras arquitectónicas no Barco de Valdeorras

Coa posta en marcha do servizo Atendo de Renfe, as persoas con problemas de mobilidade poden acceder ao tren na estación barquense

Despois de moito tempo de demandas, coa edición de escritos e mesmo concentracións promovidas por Disvalia, por fin as persoas con problemas de mobilidade xa poden subir ao tren na estación do Barco de Valdeorras, evitando ter que desprazarse ata as estacións de Ponferrada ou Monforte de Lemos (as máis próximas cun servizo específico para eles).

Dende hai unha semana,  coa instalación da rampa LP 12 do servizo Atendo de Renfe, a estación de tren do Barco de Valdeorras xa é accesible de verdade, “non como ata ese momento, cando as persoas en cadeira de rodas podían acceder ao edificio, pero non aos trens”, aseguran dende Disvalia.

 

A presidenta de Disvalia, Begoña Dacal, utilizando a rampa.

Dende a propia asociación de discapacitados explican que non foi doado conseguilo, pero que xa anunciaran na concentración organizada en sinal de protesta por esta situación o pasado 3 de decembro, que non deixarían de reclamar a rampa mentres non fose unha realidade. Así o fixeron e “tras un non inicial por parte de Renfe, chegou o si e despois, a rampa. Instalárona o xoves 30 de marzo e o venres a presidenta de Disvalia, Begoña Dacal, comprouo seu billete para o sábado (é necesario avisar con 12 horas de antelación)”, explican dende a asociación, engadindo que Begoña “non quería perder máis tempo xa que coa rampa cúmpresenos un soño”, estando moi agradecida polo servizo: “tratáronme coma unha raíña. Estou encantadísima”, di.

Fotos cedidas.

Artigos relacionados

Back to top button