CulturaCulturaEducaciónEntroido 2022Última horaVídeos

Un percorrido polas figuras do Entroido ourensán da man de Carlos Ares

Publicidade
O investigador social vianés Carlos X. Ares./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Achegar as diferentes e singulares figuras do Entroido tradicional da provincia de Ourense. Con este obxectivo, o investigador social vianés Carlos X. Ares vén de publicar na súa canle de Youtube un traballo gráfico no que amosa un total de “320 personaxes das festas de invernía ourensá, correspondentes a 54 concellos”.

Estas figuras preséntanse por concellos, seguindo unha orde alfabética. “Cada lámina leva imaxe, nomenclatura e lugar de procedencia, e tamén o mapa da provincia coa situación xeográfica do concello en cuestión, e o escudo do mesmo”, explica este estudoso.

Estas imaxes son “orixinais, adaptadas e nalgún caso creadas por min en base ao recollido en traballo de campo. En todo caso, o que busco é que o espectador teña unha visión gráfica de cada un dos personaxes. Cada unha das imaxes foi recortada por min e montadas en cada unha das láminas”, engade Ares. Resultou unha tarefa moi laboriosa, pero que permite en apenas 10 minutos descubrir as personificacións do Entroido ourensán.

O vídeo (con edición de Martín Ares Novas e Carlos X. Ares Pérez), está ambientado con diferentes sons do Entroido (como o toque do folión ou das chocas de máscaras) e conclúe cunha cita de Otero Pedrayo sobre esta tradición: “O antroido é necesario para mudar a vergoña, desnudar o home, despoxalo dun intre da friaxe e a amargura experimentada, cara a gran verdade a que leva a lus de Febreiro”.

 

Artigos relacionados

Back to top button