DeportesÚltima hora

Un percorrido polo Bolo na II andaina nocturna “Senda dos Soutos”

A saída está prevista para esta tarde (19:30h.) dende o pavillón do Bolo
Participantes nunha das andainas organizadas polo grupo “A torre da homenaxe de O Bolo”. /Foto: Carlos G. Hervella.

O pavillón do Bolo será o punto de partida do roteiro circular organizado para esta tarde, 17 de aosto, dende o grupo “A torre da homenaxe de O Bolo”.

Con saída ás 19:30h. os andarines baixarán ata o regueiro de San Bernabé para ascender ata Valbuxán, dende onde continuarán entre soutos, prados e camiños ata as aldeas de Valdanta, Xava, Chaodasdonas e o lugar de Carcaixedo. Dende aí comezará o descenso cara o regueiro para regresar ao punto de partida. A distancia aproximada é de 14 quilómetros, o tempo estimado de catro horas e media e a dificultade moderada.

A actividade inclúe unha chocolatada con bica da que poderán participar os asistentes á andaina “así como os veciños de O Bolo que teñan a ben acompañarnos”, explican dende a organización. Todos os inscritos participarán asemade en varios sorteos de produtos.

E o domingo 19 de agosto, os protagonistas serán os cativos. A eles está especialmente dirixida a andaina ata a Cántara da Moura no concello da Veiga con saída ás 10h, dende o Restaurante Volobriga do Bolo. Tal como informan dende a organización, os participantes desprazaranse en coches ata a Praia dos Franceses na Veiga. “Iniciaremos a andaina partindo da praia fluvial dirección Corzos e atoparemos, a 1 km da ponte, un desvio onde comenza a senda da Cántara da Moura. Un curto paseo ata descubrir o fantástico mundo da moura e a súa lenda do peine de ouro. Despois de escoitar esta máxica historia regresaremos cara o punto de partida para desfrutar do baño e un xantar a base de empanada, bocadillos, froita e auga”.

A distancia a percorrer é de 5 quilómetros aproximadamente e a duración estimada da actividade é de cinco horas e media.

Artigos relacionados

Back to top button