CulturaCulturaEn portadaGalerías de fotosÚltima hora

Un percorrido polo “Entrudio” de Viana do Bolo neste verán

Unha mostra, que poderá visitarse nos próximos meses na sala de exposicións do Concello, amosa as singularidades desta intensa tradición

 

A tradición máis querida e sentida de Viana do Bolo, o “Entrudio”, protagoniza unha completa e interesante exposición que vén de inaugurarse na tarde deste 25 de xullo na sala de exposición do Concello. Trátase dunha iniciativa da Asociación Robreda de Viana en colaboración co Concello.

Imaxes antigas e outras máis recentes, vídeos que recollen a intensidade do fulión, caretas de Boteiro, traxes, a figura da Mula, bombos, aixadas… “A exposición intenta amosar a esencia e patrimonio inmaterial da nosa tradición, ademais de ser un punto de visita para os turistas que se achegan á nosa terra no verán e así dar a coñecer a esta celebración propia do inverno. Estará aberta ao público durante os próximos meses, sempre seguindo a normativa anticovid”, explica o presidente de Robreda e da Asociación Robreda, Jorge Domínguez.

 

 

Ademais de Domínguez, o acto inaugural contaba coa presenza de autoridades como o alcalde de Viana, Abelardo Carballo, da concelleira de Cultura, Ramona García; así como dos concelleiros Graciela Diéguez e José Antonio Alfonso. Entre os asistentes tamén estaba a concelleira de Cultura de Verín, Emilia Somoza.

No marco desta exposición, a asociación ten previsto desenvolver diversas actividades algunhas presenciais e outras virtuais. Así a idea é que cada semana mentres dure a exposición cada un dos fulións de Viana realice algún tipo de actividade ligada ao Entrudio, por exemplo, preparar os bombos. E, por outra banda, Robreda publicará nas redes sociais cada semana unha fotografía de diferentes persoas que teñen traballado por esta tradición no municipio. Ademai renderáselle homenaxe ás mulleres e ao seu labor dentro do Entrudio.

 

 

A mostra pode visitarse durante a semana en horario de oficina do Concello, pero, previa solicitude, tamén poderá abrirse polas tardes. Ademais nas fins de semana terá un horario de 19h. a 21h.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

Artigos relacionados

Back to top button