ConcellosÚltima hora

Un percorrido polo teito de Galicia na II BTT Trevinca-Desafío Starlight

O evento deportivo celebrarase o 2 de setembro no municipio da Veiga, esperando chegar aos 250 inscritos da primeira edición

A Veiga prepárase para acoller a II edición da ruta de ciclismo de montaña, BTT Trevinca-Desafío Starlight, que terá lugar o vindeiro domingo día 2 de setembro a partires das 9:30 horas, con tres posibles rutas de diferentes distancias.

A presentación deste evento deportivo tiña lugar na mañá do 21 de agosto no Pazo Provincial, coa asistencia do vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o alcalde da Veiga, Juan Anta; o director deportivo do evento, David Álvarez; e o ciclista e membro do club Pablo Diéguez. Alí, David Álvarez sinalou que esta segunda edición chega “tralo éxito logrado na anterior porque esta carreira ten alma, é máis ca unha simple volta en bicicleta”.

Como novidade este ano, a organización ofrece tres posibles rutas: a curta de 35 quilómetros, a media de 55 quilómetros e a longa de 75 quilómetros que é “o gran Desafío Starlight, porque ademais de dar coñecer a beleza natural da zona queremos que veñan ciclistas dun nivel profesional e lograr que dentro duns anos esta proba sexa unha das máis importantes do BTT Nacional”, explicou o director deportivo.

O alcalde da Veiga, pola súa banda, adiantou que xa están inscritos “130 participantes entre os que se atopan campións de España, aínda que esperamos chegar aos 250 participantes da pasada edición”. Asemade, Juan Anta destacou o atractivo natural e paisaxístico do municipio da Veiga e asegurou que os participantes da proba que “percorrerán o teito de Galicia e o segundo grupo lagunar máis importante da Península, poderán gozar da esencia da montaña que se mantén intacta e que é compatible con este tipo de probas de nivel que nos permiten dar a coñecer o noso territorio”.

Os interesados en participar poderán inscribirse na web www.galitiming.com, sendo o custe da inscrición para a ruta longa e media de 18 euros e para a curta de 12 euros.

Artigos relacionados

Back to top button