ConcellosTrivesÚltima hora

Un pregón compartido abre os actos do Cristo na Pobra de Trives

Os médicos do PAC foron os encargados de abrir o programa organizado dende o Concello

 

Por estar “tan presentes nas nosas vidas ao longo desta dura etapa da pandemia”, os médicos do PAC de Trives eran convidados polo Concello para ler o pregón dunhas festas do Cristo atípicas pero non por iso menos sentidas e ilusionantes.

E así, rozando as dez da noite deste luns 13 de setembro na carpa instalada na praza do Concello (nese momento chovía a mares), Manuel e Olaya daban o pistoletazo de saída aos actos presentados pola propia alcaldesa de Trives, Patricia Domínguez Barja quen aseguraba estar moi agradecidos a todo o persoal sanitario polo labor que levaron a cabo durante a pandemia e que aínda seguen desenvolvendo.

O primeiro en falar era Manuel, asegurando que recibiran con “enorme satisfacción e inclusive admiración” o convite para presentar o discurso neste inicio das festas da vila. Un discurso que como non podía ser doutro xeito, xiraba sobre o Covid-19. De feito, a chegada dos dous sanitarios a Trives coincidía co inicio da pandemia. “Sabiamos que nos esperaba unha poboación con especificidades consecuentes co proceso de envellecemento que atinxe a todo o Estado. Unha poboación maior, con comorbilidades e illamento territorial”, fraquezas que a pandemia de Sars-CoV-2 veu a agudizar.

 

A alcaldesa de Trives, Patricia Domínguez Barja, presentando aos pregoeiros.

 

“Durante grande parte do período, conseguimos contornar, sempre en contacto co Concello e baixo o auspicio das directrices sanitarias vixentes, os efectos do Covid xunto aos triveses, con esforzo persoal e dedicación por parte de todos, que sabemos que non ten sido fácil”, aseguraron, facendo fincapé en que en certo modo, a loita común axudou á aproximación máis acentuada de todas as entidades implicadas na xestión da crise, nomeadamente o Concello, Protección Civil, os traballadores sociais, os organismos e persoal sanitario (os médicos do centro de saúde, do PAC, enfermeiras, PSX, membros do 061, urxencias hospitalarias…).

“Houbo, con todo, moitas mudanzas en pouco tempo á medida en que o noso coñecemento sobre a Sars-CoV-2 se foi facendo máis profundo, e tentamos en todo o momento adecuar esas mudanzas e a normativa sanitaria vixente á poboación de Trives e ao noso entorno. Teñen sido meses de moito sacrificio e esforzo por parte de todos, e tamén moito sufrimento da poboación, especialmente os sectores más vulnerables da mesma, que sempre, entre todas as forzas sociais e sanitarias implicadas, tentamos aliviar”.

 

Los Limones actuaron xusto despois do pregón.

 

No seu discurso os médicos tampouco se esqueceron das vidas humanas que se perderon durante este terrible período, manifestando o seu apoio ás familias neste momento de dor. “O sufrimento que esta pandemia causou afectou a toda a comunidade, e nós, como sanitarios, lidiamos diariamente coa perda de todos os que desafortunadamente xa non están connosco. Preservar a saúde, loitar contra a doenza, son os maiores desafios da profesión médica”, concluía Manuel.

Pola súa banda, Olaya engadía que desgrazadamente esta pandemia aínda está lonxe de rematar.  “Debemos continuar a cumprir as normativas sanitarias vixentes e todas as recomendacións dos organismos responsables, tanto a nivel internacional, como estatal, pasando polo autonómico, adecuando as nosas condutas á situación delicada que vivimos e continuaremos a vivir”, dixo, destacando, de cara ás festas, “a idiosincrasia da nosa comarca, a sua riqueza paisaxística e histórico-cultural, dende a Via Romana, a Ponte Bibei, o casco histórico da vila, os sequeiros,… así como o trato próximo e afectuoso das xentes de Trives”.

Desexando a todos unhas excelentes festas, Manuel e Olaya cedía o escenario ao grupo Los Limones que daban un animado concerto antes da tirada dos fogos artificiais.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Máis información e fotos nos seguinte enlaces: https://osil.info/os-fogos-artificiais-retan-a-chuvia-sobre-o-ceo-da-pobra-de-trives/

https://osil.info/trives-rende-culto-ao-santo-cristo-da-misericordia/

 

Artigos relacionados

Back to top button