CulturaCulturaÚltima hora

Un programa con moito humor e música para conmemorar o Día dos Medios en Galego

O acto serviu tamén para a presentación oficial do proxecto agora.gal, un agregador e distribuidor de contidos dixitais en galego

Un momento do programa presentado polo actor Federico Pérez Rey.

 

Na tarde deste sábado 20 de marzo a Asociación de Medios en Galego celebraba o Día dos Medios en Galego co programa “Moito que Sachar”, presentado polo actor Federico Pérez Rey, na Casa Museo de Rosalía de Castro en Padrón, reconvertida nun plató de televisión para acoller este Late Night acompañado da música de Iván Barreiro, á guitarra; Carlos Arévalo, á batería; e Ale Casquero aos teclados.

Federico era o encargado de abrir o programa cun simpático monólogo no que se atreveu mesmo a reescribir a historia do nacemento de Galicia da man dun Breogán capataz de obras nas pirámides de Exipto de permiso pola nosa terra, antes da benvida ofrecida polo anfitrión Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía de Castro, que daba paso ao primeiro convidado da tarde, Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística, que ademais de facer referencia á ”concentración parcelaria das lingua” que contaba Fede, recoñeceu que “queda moito por facer nesta lingua, pero temos que gabarnos de que somos a única lingua cooficial no estado español que é maioritaria”. En calquera caso, refrendou a necesidade de “afianzala, nesta nova Galicia, hai que colocala nos novos tempos e nos novos medios, e aí os medios en galego teñen moito que dicir”.

 

Foto de familia na Casa de Rosalía con Anxo Angueira, Lidia Veiga, Pablo García Chichas, Fede Pérez Rey, Valentín García, Henrique Sanfiz e María Muíño.

 

Despois, a responsable da área de Normalización e Igualdade da Deputación da Coruña, María Muíño, resumíu brevemente o labor das deputacións para “contribuír a avanzar no escenario da normalizaciín da nosa lingua, en colaboración das administracións locais, e as entidades sociais e culturais: Escoitar, estar atentas e colaborar.” Declarouse seguidora “habitual dos medios en galego, por convicción, porque as linguas están feitas polas persoas, e os relatos son feitos dende aquí”. Con todo, unha das grandes intervencións do programa foi protagonizada pola mesma “Lingua Galega”, xa que Lidia Veiga representou á lingua nai con moita retranca, dando conta da necesidade de sachar, por exemplo, abrindo a posibilidade de emitir en tiktok pol@s xornalist@s galeg@s. Deixou claro que segue estando “enferma” en innumerables sectores, como o xudicial e mesmo mediático.

O encargado de pechar as intervencións foi Pablo García Chichas, xornalista de Radio Estrada e representante da AMEGA, quen apuntou que a entidade xa é socia protectora na Casa de Rosalía. “O xornalismo en galego é cada vez máis necesario, medios veraces, plurais… que exercemos de servizo público gracias á nosa versión bidireccional da nosa comunicación”, expresou. “Quen conta a cantidade de empresas que se marchan fóra de Galicia? Os medios en galego! Agora estamos en Madrid todo o día, pero que pasa cos traballadores de Alcoa, que pasa co Consorcio, que pasa coa deputación de Ourense?”, preguntouse Pablo, focalizando na “utilidade” da nosa lingua para contar o que pasa no país.

O acto serviu tamén para a presentación oficial do proxecto agora.gal, un agregador e distribuidor de contidos dixitais en galego. Trátase dnha nova proposta de comunicación en galego que fundirá nunha única plataforma unha manchea de xornais e revistas do país, que estará en breve na rede dentro de moi pouco.

O programa será retransmitido o domingo ás 21:30 en  NósTv (no 119 de R) e o luns ás 18 nas radios municipais galegas da rede Radiofusión.

Artigos relacionados

Back to top button