OurenseÚltima hora

Un programa islandés analizará o consumo de alcol e drogas entre a mocidade da cidade

Esta inciativa baséase nunha enquisa de 70 preguntas a través da cal fai un mapa de situación entre a mocidade entre 15 e 16 anos
A concelleira Sofía Godoy contactou co islandés Jon Sigfusson para levar a cabo este programa.

O Concello de Ourense pon en marcha, a través da área de Sanidade, o programa “Youth in Europe” para a diagnose consumo de alcol e drogas entre adolescentes (15/16 anos) na cidade. Segundo comentaron dende o consistorio, este programa está baseado nas políticas islandesas, que desde hai dúas décadas realizan intervencións “drásticas, directas e globais” que conseguiron un entorno máis saudables para a adolescencia, informaron. En España, Tarragona é a única cidade que está a desenvolver este programa piloto.

A propia concelleira de Sanidade, Sofía Godoy, coñeceu os detalles desta ferramenta que recolle información para establecer un Mapa de Situación a través dunha enquisa de 70 preguntas a un total de 1.580 adolescentes de entre 15 e 16 anos. Os mesmos técnicos islandeses responsables do programa achegan as enquisas previas, analizan as estatísticas e elaboran os informes específicos para Ourense, procesando a información sobre factores de risco e de prevención.

O director de “Youth in Europe” en Islandia, Jón Sigfusson, relatoulle á concelleira que, entre os parámetros de análise, están un bo diagnóstico do consumo de drogas, o informe de igualdade na poboación adolescente ou un informe do uso de substancias por centros escolares, etc. A partir de aí habería que traballar na posta en marcha de solucións para os casos específicos.

A diferencia do Plan Nacional de Drogas, que analiza o consumo e percepción das drogas entre os adolescentes (e marca a idade media do primeiro contacto co alcol en 13,7 anos), o programa “Youth in Europe” tamén amosa indicadores de saúde, ansiedade, depresión, saúde física, estilos de vida e actividades de lecer, redes comunitarias, tensións e eventos negativos, pais, nais e familias, cuestións psicolóxicas, grupos económicos, uso de sustancias, valores, actitudes, violencia, ou delincuencia, entre outros.

Logo dos primeiros contactos por correo eletrónico con Jon Sigfusson, a Concellería de Sanidade segue a avanzar na cronoloxía do programa na cidade de Ourense, os colaboradores e o orzamento: a soa ferramenta de diagnose ten un custe de 8.000 euros.

Artigos relacionados

Back to top button
Close