EconomíaEconomíaÚltima hora

Un proxecto da Deputación para a transformación do comercio rural logra o apoio dos fondos Next Generation

O proxecto CROu, que obtivo a mellor cualificación de entre 312 programas presentados, oriéntase á transformación dixital e sustentabilidade do comercio rural en 18 concellos das comarcas de Celanova, Trives e Vana

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar.

 

O proxecto de dixitalización e sustentabilidade do comercio rural (CROu) deseñado pola Deputación de Ourense vén de obter a máxima puntuación de toda España na convocatoria dos fondos Next Generation do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia xestionado polo Ministerio de Industria, Turismo e Comercio. Este plan que involucra a 18 concellos da provincia e que aposta pola actividade comercial en zonas de reto demográfico, facilitando o acceso a novos canais de comercialización e procurando un papel activo dos empresarios do sector na educación dixital dos seus clientes, que na meirande parte dos casos son persoas de avanzada idade.

O presidente provincial, Manuel Baltar, cualificou de “excelente noticia” a avaliación do proxecto CROu nunha convocatoria á que se presentaron 312 proxectos de administracións locais e provinciais de toda España. “Unha demostración -dixo- da planificación e anticipación coa que traballa este goberno”, lembrando que xa en xullo do pasado ano “fomos a primeira provincia española en pór en marcha un plan específico para atraer fondos europeos, con proxectos valorados en 85 millóns de euros e nos que o reto demográfico e a innovación figuraban entre os sete eixos de traballo”.

O proxecto CROu contará cun orzamento de preto de 260.000 euros cofinanciados nun 70 % polos fondos europeos e comezará a executarse en febreiro, estendéndose ao longo deste ano. Aplicarase en concellos das comarcas de Celanova (A Bola, Cartelle, Celanova, Gomesende, A Merca, Padrenda, Pontedeva, Quintela de Leirado, Ramirás e Verea); Trives (Chandrexa de Queixa, Manzaneda, Pobra de Trives e San Xoán de Río); e Viana (A Gudiña, A Mezquita, Viana do Bolo e Vilariño de Conso). As máis de 400 actividades comerciais nestes 18 concellos (Datos do IGE de 2019) poderán beneficiarse dunha ou varias accións previstas no programa.

“CROu procura a transformación dixital do comercio rural, que pretende manter aos clientes fidelizados a través da compra presencial, ofertándolles unha canle dixital como elemento complementario sen perder as vantaxes e oportunidades do comercio local, como o acceso ao produto de quilómetro 0 ou a proximidade e atención directa. Trátase dun proceso basicamente orientado ao consumidor local, pero que tamén permitirá a determinados perfís de comercio rural abrirse a novos mercados, expandirse e mesmo optimizar o seu stock. Ademais facilitará a colaboración entre comercios de diferentes concellos, demostrando ao cliente que comprar en local é posible, é fácil e adaptativo”, segundo informa a Deputación de Ourense.

Ademais este plan poñerá igualmente ao servizo do comercio ambulante, de gran repercusión e importancia no ámbito local, o acceso a novas posibilidades tecnolóxicas. “Deixar á marxe a este subsector poría en perigo a súa actividade e, en consecuencia, deixaría a áreas rurais sen a única oferta física de acceso ao produto. O obxectivo é dar continuidade a un tipo de comercio moi asentado socialmente e, quizá, un dos principais afectados polos novos hábitos de consumo”, din dende a Deputación.

Para contribuír aos obxectivos de transformación dixital e sustentabilidade local, o proxecto poñerá ao dispor dos comercios un soporte de venda online para ter os seus produtos aloxados nunha canle dixital común, poder comprar en varias tendas e realizar un único pago, asegurándose un vía de entrega do produto eficaz e solvente, incrementando ao mesmo tempo a colaboración entre os empresarios. Ademais configuraranse tres áreas, unha por comarca, para implantar “Despachos de billetes Intelixentes” ou Espazos TI, onde o consumidor poderá retirar a súa compra no horario que mellor se lle adapte, a través dunha clave que lle enviará o comercio e nun sistema aberto as 24 horas do día.

Polo que respecta os obxectivos de sustentabilidade ambiental, dotarase aos comercios de dous novos contedores no que almacenar temporalmente e de maneira selectiva embalaxes e envases de papel ou cartón. Así, o establecemento poderá acumular un volume determinado dos seus residuos antes de levalos ao contedor de proximidade do servizo público de recollida de residuos sólidos urbanos. O proxecto complétase con campañas formativas, de promoción e de sensibilización dixital e ambiental.

Artigos relacionados

Back to top button